Aberta a convocatoria para inscribir proxectos para a 11ª edición do pitching “I+P, Ideas para producir”

Ata o día 10 de outubro estará aberto o prazo de presentación de proxectos audiovisuais para participar na 11ª edición do pitching “I+P, Ideas para Producir”. O Clúster Audiovisual Galego celebrará unha nova edición deste foro os días 22 e 23 de novembro en Santiago de Compostela.

O “I+P, Ideas para Producir” ten como obxectivo reunir a produtores, guionistas e directores que teñan un proxecto de cine ou televisión, e que busquen alianzas empresariais de cara á súa coprodución, venda ou distribución, con directivos de canles de televisión, produtores executivos, distribuidores e responsables de vendas internacionais.

De entre todos os proxectos recibidos un comité de expertos seleccionará quince para realizar un pitch diante de destacados axentes do sector audiovisual do noso país. Posteriormente celebraranse as reunións one to one entre os responsables dos proxectos e os compradores. A xornada de Pitching terá lugar o día 23 de novembro.

Na presente edición, o ‘I+P, Ideas para Producir’ conta co apoio do Ministerio de Educación, Cultura y Deporte; da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) e o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), e do Concello de Santiago de Compostela. E coa colaboración da Santiago de Compostela Film Commission, a plataforma Filmarket Hub e a compañía Music Library & SFX.

As empresas e os profesionais do sector audiovisual que desexen participar na undécima edición do “I+P, Ideas para producir” poden inscribir os seus traballos enviando por mail o formulario a comunicacion@clag.es ata o día 10 de outubro. O Clúster Audiovisual Galego comunicará a partir do día 30 de outubro os proxectos seleccionados para seren presentados no pitching.

A plataforma Filmarket Hub colabora co “I+P, Ideas para producir”

O Clúster Audiovisual Galego e Filmarket Hub, plataforma online de proxectos cinematográficos, cerraron un acordo de colaboración co obxectivo de apoiar a undécima edición deste foro. Froito deste acordo, os proxectos participantes da 11ª edición do pitching “I+P Ideas para producir” gozarán de 1 ano de inscrición gratuíta no mercado online da plataforma Filmarket Hub, onde poderán potenciar a súa visibilidade e conectar con toda unha rede de produtores e empresas de Europa e Latinoamérica. Obtendo unha maior visibilidade e novas oportunidades de encontrar socios interesados nos seus proxectos e podendo acceder a outras empresas ademais das que participen no pitching.

Pode consultar a convocatoria aquí

Pode ver o formulario de inscripción aquí