O fotoxornalista Gervasio Sánchez fala sobre o papel que desempeñan xornalistas e fotógrafos nos conflitos bélicos a través dun percorrido pola súa obra, que comeza na década dos 80 e inclúe reportaxes fotográficas realizadas en conflitos como o de Saraxevo, Serra Leoa, Afganistán ou Angola.

Todos os asistentes, xornalistas, fotógrafos de prensa, estudantes e afeccionados á fotografía ou persoas con inquedanzas sociais, poderán tamén mostrar os seus traballos fotográficos e as súas experiencias para facer unha reflexión conxunta sobre como documentar as traxedias sen caer no sensacionalismo nin na frivolización e antepoñendo a dignidade das vítimas.

Este obradoiro inclúe unha visita guiada á exposición «Vida», que acollerá a Sede Afundación de Santiago do 5 de outubro ao 7 de xaneiro de 2018. Unha selección de 68 fotografías de Gervasio Sánchez que mostran o triunfo da vida sobre a traxedia da guerra e a violencia.

 

Gervasio Sánchez é gañador de premios e distincións como o Cirilo Rodríguez, Club Internacional de Prensa, Andalucía de Cultura, Dereitos Humanos de Xornalismo, Premio Nacional de Fotografía 2009, Premio Internacional Julio Anguita Parrado 2011, Gran Cruz da Orde Civil da Solidariedade Social ou enviado especial pola paz da UNESCO desde 1998, entre outros. Ademais, é autor de libros fotográficos como Kosovo, Niños de la guerra, Sierra Leona. Guerra y paz, La caravana de la muerte. Las víctimas de Pinochet, Latidos del tiempo, Vidas minadas, Desaparecidos/Víctimas del olvido, Mujeres e Sarajevo 1992-2008.