• Das 53 denuncias recibidas dende a súa constitución, 14 delas, o 26%, foron este ano
  • A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, presidiu a xuntanza

A Comisión de Publicidade non sexista reuniuse esta semana e informou que dita Comisión recibiu 53 denuncias dende a súa constitución, 14 no que vai de ano. Forman parte da Comisión, a Compañía de Radio Televisión de Galicia, o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, axencias de publicidade e varios organismos do goberno galego. No que levamos de ano, a Comisión Asesora de Publicidade non Sexista recibiu 14 denuncias, a maioria relacionadas con carteis e anuncios con connotacións sexistas, sendo algunhas delas trasladadas ao Observatorio da Imaxe da Muller dependente do Instituto da Muller e instando en case todos os caso á retirada inmediata da publicidade.

A constitución da Comisión Asesora da Publicidade Non Sexista, no seo do Observatorio Galego da Violencia de Xénero, tivo lugar o 20 de novembro de 2014 e, ten como obxectivo asesorar e orientar ás entidades, asociacións, axentes publicitarios que o requiran, ofrecendo criterios para eliminar o sexismo nas mensaxes publicitarias e incorporar accións positivas que cooperen á erradicación de todo tipo de discriminación por razón do sexo das persoas.

A Secretaría Xeral da Igualdade elaborou e editou en decembro de 2016 un díptico informativo con Indicacións para detectar o sexismo na publicidade, no que se recollen as funcións da Comisión Asesora de Publicidade Non Sexista, información sobre como realizar unha denuncia de publicidade sexista, indicacións para detectar o sexismo na publicidade e propostas de modelos publicitarios non sexistas, e que foi distribuído este ano 2017. En total, imprimíronse 10.000 exemplares e distribuíuse nos concellos, medios de comunicación, axencias de publicidade e centros de información á muller (CIM).