• A AAAG prescinde da colaboración da Televisión de Galicia pola negativa dos seus responsables a reunirse este ano coa AAAG, a mellorar as condicións da retransmisión e a emitir a gala pola primeira canle da TVG nun horario razoable
  • A gala poderase ver en streaming por youtube a través da retransmisión que desenvolverá Aleuto Medios Dixitais

A Televisión de Galicia non retransmitirá este ano a gala dos Premios de Teatro María Casares, que terá lugar o próximo 21 de marzo no Teatro Rosalía de Castro da Coruña. Un total de 12 espectáculos competirán como finalistas por facerse con algún dos catorce galardóns deseñados pola artista, ceramista e ilustradora Paula Pereira –despois de prescindir das tradicionais xerras de Sargadelos– e que serán entregados durante a gala que dirixirán Carlos Sante e Juanillo Esteban.

A decisión tómaa a Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) por diferentes motivos según informan dende o seu gabinete de comunicación. En primeiro lugar, é unha decisión meditada en diferentes asembleas internas da Asociación, nas que se manifestou a necesidade de mellorar as condicións da emisión por parte da TVG ou, en caso contrario, de buscar novas alternativas. Con ese mandato asembleario, a AAAG solicitou ao longo dos últimos meses reunións cos responsables de Programas do ente para propoñerlles cambios e melloras na retransmisión. Non obstante, tal xuntanza nunca tivo lugar. En segundo lugar, envióuselle por escrito a petición de mellorar diferentes aspectos da retransmisión e solicitouse que a emisión fose pola primeira canle da TVG nun horario razoable. As peticións foron ignoradas e ofreceuse dende a TVG as mesmas condicións dos últimos anos nos que a gala dos María Casares ficaba reducida ao streaming na web e á emisión pola segunda canle en horarios poucos favorables para a audiencia.

A AAAG considera que “A CRTVG falla neste senso e noutros moitos na súa obriga de difundir a cultura propia en xeral e a teatral en particular”. Ademais, tamén afirma que “Parece que nin os María Casares nin o sector escénico encaixan nas coordenadas marcadas polo lema de #Cultura365, impulsado pola CRTVG dende o momento en que se desvirtuou a marca histórica do Diario Cultural con gran protesta dentro do sector cultural”.

A decisión da AAAG chega nunha época de forte cuestionamento do labor público xeral do ente, tal e como evidencia a iniciativa dos Venres Negros, impulsada por parte do persoal da CRTVG, ou a convocatoria de folgas o pasado mes de decembro. Por todo o exposto, a AAAG ofreceralle ao público a posibilidade de ver a gala a través da empresa ourensá Aleuto Medios Dixitais, que se encargará da retransmisión a través de streaming que se poderá seguir a través de Youtube a partir das 21.00 h. do xoves 21 de marzo.