• A nova programación de verán distinguirase cunha cabeceira xenérica de estética alternativa pero con modificacións que identificarán o tema de cada día
  • A primeira achega foi a emisión de ‘O coleccionista’, un documental da televisión pública francesa enmarcado dentro do ciclo para os luns ‘Feito en Europa’

A segunda canle da Televisión de Galicia pon en marcha ‘As noites temáticas’, que dotarán dunha nova personalidade a TVG2 durante toda a temporada de verán. Unha nova programación para o horario de máxima audiencia, de xuño a setembro, coa que os espectadores identificarán claramente cada día da semana cunha temática diferente.

Estas noites temáticas distinguiranse cunha cabeceira xenérica de estética alternativa pero con modificacións que identificarán o tema de cada día. A nova programación da TVG2 irá reforzada, amais, diariamente coa emisión de videoclips con actuacións de música contemporánea en vivo.

Nunha aposta pola oferta diferenciada, a primeira achega desta noite temática foi a emisión de ‘Le Collecteur’ (‘O coleccionista’), un documental da televisión pública de Francia na rexión de París sobre a figura de Arthur Langerman e a súa colección de materiais de propaganda antisemita que chega ata más de 7.000 obxectos e folletos.

En horario de ‘prime time’ e a continuación de ‘A crónica’ -espazo de debate da Radio Galega cuxa emisión na G2 supuxo toda unha novidade na programación da canle- ‘As noites temáticas’ arrancan os luns coa estrea de ‘Feito en Europa’, unha selección de documentais dos que cómpre salientar a emisión de espazos que foron presentados, e nalgúns casos premiados, nos prestixiosos Prix Circom, concedidos por Circom, a asociación de televisións rexionais públicas europeas.

Os martes emitirase ‘Unha noite con…’, dedicado a entrevistas ou conversas en profundidade, e deseguido ‘A noite comprometida’, baixo o que se emitirán programas de servizo público e de contidos sociais, como o docudrama deste martes, ‘Eloxio da distancia’, rodado na Fonsagrada, que fala das catro estacións de catro personaxes que viven na ‘España baleira’.

‘A noite descuberta’ ofrecerá cada mércores contidos de divulgación: programas de natureza, tanto galegos coma de marcas internacionais como ‘National Geographic’, xunto con programas sobre ciencia e novas tecnoloxías, boa parte deles feitos en Galicia.

Os xoves, en ‘A noite musical’, a G2 centrarase en propostas baseadas nos músicos galegos e en actuacións musicais ao vivo de todos os estilos. Desde concertos nas noites de verán en Galicia ata música clásica e grupos emerxentes gravados para a CRTVG. O primeiro programa desta sección vai ser a estrea de ‘Galician Connections’, un documental de 80 minutos que recolle a destacada participación galega no maior evento anual de música celta do mundo, o Celtic Connections, que se celebrou o pasado mes de xaneiro.

Tras a emisión do programa multimedia ‘Como que non’, que tamén se ofrece na Radio Galega, os venres será o momento de ‘A noite do cine’, con películas de diversos estilos incluído o cine galego. Os sábados será a segunda xornada semanal de ‘A noite do cine’.