O Goberno galego conta desde 2014 cunha Comisión asesora de Publicidade non sexista
A finalidade da Comisión é velar pola eliminación do sexismo nas mensaxes publicitarias

A secretaria xeral da Igualdade da Xunta de Galicia, Susana López Abella, considera que un dos obxectivos do seu departamento é traballar para eliminar os estereotipos e roles que sustentan a desigualdade de xénero. Así o destacou durante a clausura do XIV Foro da Igualdade que organiza a Federación Provincial de Mulleres Rurais de Ourense (Femuro).

Ao respecto, explicou que a persistencia destes roles perpetúan as desigualdades, de aí a importancia de transmitir imaxes igualitarias e que mostren diversidade a través de canles como os medios de comunicación ou a publicidade.

De feito, a Xunta conta desde 2014 cunha Comisión asesora de Publicidade non sexista, dependente do Observatorio galego contra a violencia de xénero http://igualdade.xunta.gal/gl/content/sensibilizacion-social

O seu obxectivo é velar pola eliminación do sexismo nas mensaxes publicitarias e pola incorporación de mensaxes positivas que contribúan a erradicar calquera tipo de discriminación. En total, desde novembro de 2014 a xaneiro de 2017, recibiu un total de 39 denuncias.

Ademais, en decembro do pasado ano, o Goberno galego editou un díptico informativo con indicacións para detectar sexismo na publicidade, no que se recolle información sobre como realizar unha denuncia de publicidade sexista, indicacións para detectar este tipo de mensaxes e propostas de modelos publicitarios igualitarios.