A Xunta asinará un convenio de 60.000 euros a través do Clúster da Lousa para divulgar a pedra natural
Galicia concentra máis do 85% da produción española e exporta o 95% da produción

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, reuniuse en Carballeda de Valdeorras co Clúster da Lousa de Galicia, integrado na actualidade por 43 empresas, na que se abordou, entre outros asuntos, a necesidade de promover este sector no mercado nacional co obxectivo de incrementar a produción. Para iso, Conde avanzou a sinatura dun convenio de colaboración por valor de 60.000 euros para acadar este fin.

O conselleiro explicou que se pretenden levar a cabo xornadas a nivel nacional con arquitectos, aparelladores e construtores, así como campañas de divulgación sobre as vantaxes do uso da pedra natural e encontros coas administracións públicas para incidir na importancia do uso deste material na obra pública. O obxectivo, segundo apuntou, é mobilizar ao mercado nacional aumentando a demanda, xa que na actualidade Galicia produce máis do 85% da produción española e exporta o 95% da produción.

Na reunión, ademais, Conde explicou que a Xunta comparte co clúster a necesidade de promover e impulsar as vendas da lousa galega no mercado actual. O sector da lousa en Galicia está integrado practicamente na súa totalidade no clúster que representa toda a cadea de valor: extracción, elaboración, comercialización, colocación e I+D+i. O sector está formado por pequenas e medianas empresas nas que o número de traballadores oscila de media entre 25 e 50.

En total, son 2.400 empregos directos e de xeito indirecto preto de 10.000. A lousa é, ademais, o principal motor económico das comarcas produtoras: Valdeorras, na provincia de Ourense, Quiroga, Folgoso do Courel, a zona de Vilarchao e os concellos de Mondoñedo, A Pastoriza, Lourenzá, Samos e Pol, na de Lugo e Ortigueira, na da Coruña. Francia é o principal país receptor da lousa galega.