• O corazón dos “galegos de corazón” é a imaxe central da campaña do 25 de xullo
  • O Día de Galicia é a festa oficial da comunidade desde 1979 e coincide co festividade do Apóstolo Santiago

“Galicia latexa con forza dentro de nós”, asegura o vídeo oficial da Xunta de Galicia, creado pola  axencia BAP&Conde. A produción vai amosando, a modo de latexos, as imaxes da Galicia máis emotiva e recoñecible. “Imos festexar todo o que nos une”, dise antes da aparición da representación anatómica do corazón. O corazón dos “galegos de corazón”.

A orixe do Día de Galicia, tamén coñecido como Día da Patria Galega, remóntanse a 1919, ano en que se reúne en Santiago de Compostela a Asemblea das Irmandades da Fala, que acorda celebrar o Día Nacional de Galicia o 25 de xullo do ano seguinte. Dende entón, neste día celébrase tamén o acto institucional da Ofrenda ao Apóstolo.

Trátase dun día moi especial na capital de Galicia, en Santiago de Compostela, onde do 15 ao 31 de xullo se organizan concertos, exposicións e diversas actividades. Un dos actos centrais é o espectáculo de fogos artificiais en honra ao Apóstolo na noite do 24 de xullo na Praza do Obradoiro. Ademais, nos últimos anos, ao espectáculo únense proxeccións multimedia sobre o Pazo de Raxoi con máis de 20.000 asistentes ao evento.