José Pereira Fariña é o director da Área de Innovación e Negocio da CRTVG dende o pasado 1 de xuño. Deste xeito, o ente público galego reforza a súa estrutura cun profesional de gran traxectoria como decano da Facultade de Ciencias da Comunicación, vicerreitor de Comunicación e Coordinación, e profesor de Xornalismo e Comunicación Audiovisual na Universidade de Santiago.

  • Que opinión lle merece a publicación de Extradixital?
  • É unha excelente noticia para o sector do marketing e da comunicación en xeral que apareza unha publicación sectorial, un medio no que atoparnos no día a día profesional. Polo tanto, parabéns, sorte e longa vida.
  • Como foi a súa chegada á CRTVG?
  • A miña vida profesional naceu en prensa, no “Diario de Pontevedra”, e logo desenvolvín a miña carreira universitaria de profesor e en cargos de xestión como o de decano da Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago e logo como vicerreitor de Comunicación. O 1 de xuño aterramos na CRTVG.
  • A súa etapa na Universidade concidiu coa irrupción das novas tecnoloxías.
  • Houbo dous grandes cambios. Un foi a nivel docente, entre eles o Plan Bolonia, e outro a nivel de contidos, xa que a crise veu acompañada do cambio tecnolóxico. Dende o primeiro momento incluímos iniciativas exitosas como a implantación de materias e módulos específicos vencellados ao novo soporte dixital. Por certo, ese tránsito aínda está a ser, non está acabado.
  • Que cambiou no xornalismo?
  • En primeiro lugar o paradigma de produción e o paradigma de relación entre os cidadáns e os medios de comunicación. Pasamos de ter grandes medios de comunicación de masas a ter grandes masas con medios de comunicación. Ese cambio de paradigma impulsado polas novas tecnoloxías supuxo unha transformación radical en moitos eidos, fundamentalmente no ámbito do xornalismo. A fase de fascinación, na que aínda estamos, terá que dar lugar a unha fase de consolidación onde o rigor ou a credibilidade volvan ser valores dominantes.
  • Pero hai medios que se adaptaron e adáptanse mellor que outros.
  • O sector empresarial xornalístico estivo lento: deixou en mans das marcas persoais dos seus xornalistas a responsabilidade empresarial da comunicación. Os medios, sobre todo a prensa, están nunha grave crise pola perda do seu posicionamento de negocio vencellado á credibilidade. Non hai ningún grupo de prensa no mundo que estea ben económicamente, agás aqueles que teñen unha influencia moi elevada por contidos e que decidiron cobrar por esa influencia dende o primeiro momento. O resto están condenados a reinventarse porque o seu modelo falla.
  • E a televisión?
  • Ten o aval do consumo. A televisión conta cunha penetración no mundo que pasa do 90% mentres que a do xornal é do 30%. Hai televisores en case todas as casas do mundo pero non hai xornais en todas as casas do mundo. O parque televisivo en Galicia é, como o da media española, do 2,3: polo tanto hai máis televisores que persoas. O índice de penetración da televisión nos nosos fogares é do 97%. Ademais, ocupamos 230 minutos da vida diaria de cada cidadán. Somos os responsables de case catro horas diarias da vida dun galego. A influencia do televisor é moi importante, de momento máis que Internet. En Galicia o índice de penetración de Internet non chega ao 70%.
  • Como valora o eido dixital?
  • A chegada do dixital foi acaparado pola industria tecnolóxica, ben polas empresas que venden hardware e software, ben polas que acaparan o mercado de contidos (Google, Facebook, Twitter, Instagram…). Conseguiron valorizar un elemento que non se valorizaba: o dato. A tecnoloxía permite saber os datos que xera calquer persoa ou máquina. E ademais lograron facer unha cousa asombrosa: conseguir datos cos contidos dos demais. YouTube non produce vídeos, quen produce vídeos é o usuario de YouTube. YouTube gaña cos contidos que ti xeras.
  • Como está sendo a súa experiencia na CRTVG?
  • Magnífica. En primeiro lugar, pareceume moi atractiva a transformación que está levando a cabo a empresa, cunha estrutura directiva máis horizontal que vertical. En segundo lugar, trato de que as miñas ideas e a miña capacidade de xestión aporten valor engadido ao que xa está construído. Sei como se xera coñecemento e sei como se transfire e agora aquí podo ver como se recibe. Ademais, o sector é moi atractivo e cambiante.
  • O seu cargo di Innovación e Negocio.
  • Si, van xuntas por algo. É un erro pensar que a innovación é simplemente experimentación. Calquera decisión de innovación ten que ter un retorno de negocio, ben a través de euros ou doutra cousa.