• O espazo da TVG arrasa cada xoves en audiencia sendo líder en Galicia
  • “Tu cara me suena”, “El ministerio del tiempo” e Matías Prats tamén estiveron entre os galardonados

Televisión de Galicia recolleu onte á noite o Premio Iris na categoría de Mellor Programa Autonómico, que concede anualmente a Academia das Ciencias e as Artes de Televisión, polo espazo de humor “Land Rober Tunai Show”, que presenta na canle pública galega o versátil Roberto Vilar.

No acto de entrega, Rosa Vilas, adxunta á dirección xeral da CRTVG, destacou a importancia deste galardón e a colaboración das produtoras galegas que fixeron posible recibilo. Pola súa banda, o humorista e presentador Roberto Vilar comezou dicindo estar “namorado” da televisión e dedicou o premio aos seus compañeiros, aos seus achegados e a todos os galegos que sufriron a vaga de lumes.

En representación da TVG e do programa acudiron tamén a gala Fernando R. Ojea, director da Área de Contidos; o presidente da produtora CTV, Ghaleb Jaber Ibrahim e o director de Produción de “Land Rober Tunai Show”, Alberto Devesa.

Neste evento, en que se distingue os mellores espazos e profesionais da televisión, déronse a coñecer ademais os gañadores das 12 categorías dos décimo novenos Premios Iris, que se votan en segredo e ante notario polos membros da Academia.

roberto