• A Xunta de Galicia procura implicar a cada cidadán galego na loita contra os incendios coa campaña “Son Cortalumes” e “Faite Cortalumes”
  • A campaña é interactiva, de forma que calquera pode darse de alta como cortalumes e recibir o correspondente diploma acreditativo

Lucía, de 35 anos, é cociñeira e cortalumes. Gonzalo é bateeiro da ría da Arousa e todos os días cortalumes. O mesmo ocorre con Anxo, viaxante; Alberto, condutor; Manuel, gandeiro; Marta, profesora; Maximino, médico e Pili, policía. Son galegos da sociedade civil que responden á chamada dunha das campañas máis importantes do verán en Galicia pola magnitude social, económica e ambiental dos incendios. Como dí un dos protagonistas do vídeo: “Na loita contra o lume tes máis poder do que pensas”.

A campaña ten como referencia a web soncortalumes. Este espazo en internet permite que calquera persoa que o desexe poida obter o seu diploma de cortalumes. Basta con cubrir un formulario co nome e apelidos e o interesado recibirá por correo electrónico un certificado personalizado.

Cortalumes humano

A Xunta de Galicia enfocou esta campaña aos medios de comunicación e a internet co obxectivo de conseguir que o maior número posible de galegos se involucren nesta iniciativa, co fin de construír un gran cortalumes simbólico fronte os incendios.

Segundo a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, Galicia conta con 10.500 hectáreas de cortalumes físicos, nos diferentes distritos forestais. Con esta campaña de comunicación, do que se trata é de levantar un “cortalumes humano”, de carácter simbólico, coa implicación das persoas de xeito responsable fronte o lume. Esto significa actuar coa máxima precaución no monte, adoptar prácticas respectuosas coa natureza, avisar a través do teléfono 085 dos incendios dos que se teña coñecemento e, sobre todo, denunciar os incendiarios.

A iniciativa tamén conta con galegos coñecidos como o comunicador Xosé Ramón Gayoso, a gaiteira Susana Seivane, a cantante Lucía Pérez ou o deseñador gráfico Luis Davila, entre outros.