• Con multisoporte en papel e dixital, o diario aspira a ampliar o espazo galego de comunicación e ser referente no panorama mediático da Galiza
  • Impulsado por Sermos Galiza, as máis de 3.000 presubscricións logradas até o momento garanten a estabilidade financeira precisa para afrontar os custos de edición do diario

Sermos Galiza presentou o cabeceiro de Nós Diario nun acto onde se fixeron públicas as principais liñas de deseño do diario en papel, que nacerá á par dun diario dixital cunha importante presenza audiovisual. Os primeiros números cero do diario en papel comezarán a prepararse no mes de outubro e verán a luz a finais de ano e, a partir do 2 de xaneiro de 2020, o diario en papel sairá ás rúas de terzas feiras a sábados e no formato web estará actualizado todos os días do ano. Nós Diario aspira a ampliar o espazo galego de comunicación e a ser referente no panorama mediático da Galiza.

A denominación Nós é unha creación orixinal de Castelao que responde a unha encomenda do escritor Eladio Rodríguez, que en 1918 bota a andar unhas páxinas especiais sobre literatura galega no xornal coruñés El Noroeste. A denominación e a súa forma gráfica son parte do deseño da cabeceira que realiza Castelao. Despois foi o título do seu Álbum Nós e logo, no mesmo ano da exposición pública do Álbum, pasou a dar nome á revista. Co mesmo pronome plural, en 1927 Ánxel Casal nomea á súa editora: Nós, Pubricacións Galegas e Imprenta. Pepe Barro, deseñador, responsábel da creación do proxecto gráfico, subliñou o uso da tipografía do profesor galego da Universidade de Vigo Marcos Dopico.

María Obelleiro, directora de Sermos Galiza, interveu para dar a coñecer as características do diario, que apostará, dixo, nun “xornalismo socialmente responsábel, con información rigorosa baseada en datos e fontes fidedignas que non dirixirá o lectorado, senón que contribuirá a que sexan as lectoras e os lectores quen conformen a súa opinión en base á obxectividade e ao contraste”. A xornalista expuxo a estrutura do diario en papel, que contará con catro seccións principais: Galiza, Economía-Traballo, Internacional e Cultura-Axenda. Ademais, incorporará tres seccións de ruptura: Opinión, En foco e Última, que cada día recollerá o editorial coa análise do medio en relación á actualidade.

Xoán Costa, presidente do Consello de Administración de Sermos Galiza S.A., declarou aos presentes “Queremos construír este diario de intereses galegos, profesional e colaborativo para así ofrecer información e análise con rigor e perspectiva propia ao servizo, sempre, do pobo galego. Desde hoxe comeza a conta atrás para que no final deste ano poidamos ter nas mans un diario que servirá para traer ao primeiro plano informativo todos os temas que agora non se ven reflectidos na prensa convencional, para botar unha ollada construtiva cara á realidade galega, para contribuír a conformar, como pobo, unha opinión obxectiva e contrastada sobre todo o que nos afecta”.

A subscrición é o paso necesario. As máis de 3.000 presubscricións logradas até o momento supoñen o pasaporte para que a lingua galega e a defensa dos intereses galegos sexan protagonistas dun xornal aberto a todo o pobo e que tratará cantos asuntos repercutan sobre o benestar económico, social e cultural de Galiza. O proxecto nacía vinculado a conseguir este mínimo que garantiría a estabilidade financeira precisa para afrontar os custos de edición do diario en papel e do diario dixital. “Cantas máis mans sirvan como base do diario, máis calidade xornalística poderemos ofrecer”, salientaba Costa, “o apoio económico é a mellor maneira de garantir a estabilidade necesaria para poder ofrecer un xornalismo de calidade.”