A segunda edición da bolsa ‘Nacho Mirás’ para novos titulados, organizada e desenvolvida polo Colexio de Xornalistas de Galicia e patrocinada por Abanca, coa colaboración da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, presentouse o xoves en Santiago de Compostela. A iniciativa aumenta este ano a dotación económica até os 6.000 euros para proxectos xornalísticos de novos titulados en Xornalismo ou Comunicación Audiovisual. A recepción de propostas está aberta até o 30 de maio de 2017.

Xosé Ramón Pousa, decano da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, abriu o acto lembrando a figura de Nacho Mirás, na súa dobre faceta de profesional do xornalismo e profesor universitario. Pousa anunciou que o vindeiro 3 de maio a Facultade vai dar por primeira vez nome a unha das aulas, descubrindo unha placa en homenaxe a Mirás.

Francisco X. González Sarria, decano do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, recordou tamén a figura do homenaxeado e afirmou que esta bolsa era un xeito “de mirar cara ás novas xeracións de xornalistas e dar oportunidades a proxectos que non poderían ver a luz”. O decano do CPXG quixo agradecer tamén que Abanca apoiara un ano mais esta iniciativa.

Jose Luis Gonzalez Barros, coordinador de Negocio Institucional da Coruña de Abanca expresou a súa felicitación aos ganadores das bolsas do ano anterior e asegurou que “co apoio a este proxecto, Abanca comprométese coas iniciativas que crean unha sociedade mellor e enchen espazos comunicativos baleiros en Galicia”.

Poderán concorrer a esta convocatoria titulados nos últimos cinco anos (2017, 2016, 2015, 2014 ou 2013) en Xornalismo ou Comunicación Audiovisual, con proxectos inéditos e sen ningún outro tipo de financiamento nin privado nin público. As propostas poden ser de traballos xornalísticos de calquera xénero, iniciativas para un novo medio ou proxecto que teñan como finalidade a información e a comunicación. A bolsa ten unha dotación de 6.000 euros, que poderá ser dividida se o xurado así o considera.

As persoas interesadas deben enviar por correo electrónico a xornalistas@xornalistas.gal o formulario de inscrición, unha descrición do proxecto e cronoloxía de traballo, o orzamento estimado e unha nota sobre o autor ou autores, que poderá acompañarse dun breve currículo de cada un de eles. Valorarase que o proxecto se materialice en galego, ser membro do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, que poida supor unha solución profesional para os solicitantes, a viabilidade futura do proxecto, a orixinalidade, a amplitude xeográfica do proxecto, o traballo en equipo e a documentación da memoria.

O xurado que avaliará os traballos presentados este ano estará composto por Francisco X. González Sarria, decano; Xosé Manuel Pereiro, vicedecano e Darío Janeiro, secretario do CPXG; Isaac González, de Abanca; Xosé López da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC; e os xornalistas Ainhoa Apestegui, Xoán Soler e Fernando Varela.

No acto presentáronse tamén as dúas iniciativas premiadas coa primeira Bolsa ‘Nacho Mirás’ para novos titulados: Mediamapa.gal, un mapa interactivo dos medios galegos, posta en marcha por Cruz Negreira, e Punto e Volta, un proxecto multimedia que busca explorar as mudanzas sociais da música e o baile tradicionais galegos, que foi exposto por tres dos seus responsábeis: Raquel Pérez, David Fontán e Alejandro Gándara.

A bolsa leva o nome do xornalista, colexiado do CPXG e profesor na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, Nacho Mirás, que sempre defendeu a valía dos novos xornalistas, o espírito de facerse valer, de formase o máximo posible e defender así o posto de informador, de xornalista. Esta bolsa pretende ser un pequeno empuxe para eles, para que atopen o seu camiño profesional.

 

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia conta con máis de 1.100 colexiados/as repartidos polas súas sete demarcacións (A Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela e Vigo).