A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) presentou a nova campaña de comunicación coa que tenta espertar a solidariedade dos cidadáns para que doen sangue. Ao longo dos vindeiros meses, os cidadáns galegos poderán coñecer 14 historiais reais de doadores e doadoras de sangue e receptores de compoñentes sanguíneos.

Esta é a primeira oportunidade na que unha campaña de ADOS reúne experiencias vitais reais de persoas que contan como un xesto tan sinxelo como a doazón de sangue pode cambiar o rumbo das súas vidas. Así mesmo, a campaña complétase con materiais de cartelería e folletos baixo o lema “Ti dás o tipo”, en clara alusión aos distintos grupos sanguíneos e salientando que todos podemos doar sangue para outras persoas que o precisan.
Protagonistas
A directora de ADOS, Marisa López García, manifestou o sincero agradecemento da Axencia aos protagonistas desta campaña: os doadores e os receptores, que colaboraron de xeito altruísta e desinteresado na elaboración das historias que serán emitidas en medios de comunicación convencional, na páxina web de ADOS (ados.sergas.es) e nas redes sociais.
A nova campaña de comunicación comenza nun momento do ano, como os meses de verán, no que se evidencia a necesidade de continuar doando sangue, xa que, precisaranse unhas 10.000 doazóns de sangue mensuais para garantir o axeitado desenvolvemento do labor asistencial dos centros sanitarios galegos.

Para posibilitar a consecución deste obxectivo, ADOS despraza diariamente dez unidades móbiles a distintos concellos galegos e tamén existe a posibilidade de doar sangue nos puntos fixos de atención ao doador que existen nas sete grandes cidades galegas.