• A II edición do Fairway vaise celebrar en Santiago entre o 12 e o 14 de novembro
  • Fairway aborda o fenómeno do Camiño de Santiago en toda a súa amplitude

O evento está promovido pola maiorista-minorista Viaxes Viloria; a axencia de marketing Mr. Turismo; e Trevisani, empresa de organización de eventos, protocolo e relacións públicas, e comunicación.

Tralo éxito da súa primeira cita, celebrada no 2015, os seus organizadores aspiran a revalidar o seu papel como punto de encontro dos profesionais que traballan arredor destas rutas. Para acadalo vai contar cun congreso aberto, formado por relatorios e mesas redondas sectoriais; unha feira profesional na que empresas e institucións poderán amosar os seus  recursos e servizos; e máis un workshopque fornecerá reunións de intercambio comercial con destacados turoperadores internacionais.

Así, e ata o de agora, xa confirmaron a súa estadía máis de 30 turoperadores de 14 países distintos: Colombia, Noruega, Irlanda, Brasil, Uruguai, Portugal, Nova Zelandia, Estados Unidos, Canadá, Arxentina, Reino Unido, Italia, Alemaña e España.

Os organizadores queren reforzar desta vez o papel dos vieiros que están en auxe e, para acadalo, prestan no seu concepto unha atención especial aos atractivos e problemáticas dos outros camiños distintos do Francés. De xeito paralelo a Fairway, Forum do Camiño de Santiago, acontecerán unha serie de actividades de dinamización na capital galega, denominadas Fairway City. Ademais, xornalistas e operadores turísticos internacionais visitarán tramos do Camiño Inglés e do Camiño Portugués en viaxes de prensa e familiarización.