• O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia organizan a Xornada Información e Sufrimento Humano Informa_Dor
  • As conferencias celebraranse o vindeiro martes 3 de outubro no Auditorio da Facultade de Ciencias da Comunicación

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia organizan o vindeiro martes 3 de outubro no Auditorio da Facultade de Ciencias da Comunicación a Xornada Información e Sufrimento Humano Informa_Dor, que vai incluír a presentación das Recomendacións profesionais sobre información e sufrimento humano e unha mesa redonda coa participación da xornalista Rosa María Calaf e o psicólogo José Luis Rodríguez-Arias Palomo.

Dende o Colexio de Xornalista apuntan que “a participación das e dos comunicadores é esencial para acadar unha información con calidade e rigor profesional, que garanta tanto a supervivencia do xornalismo como a preservación de dereitos democráticos básicos”, e indican que esta iniciativa está inspirada “polo compromiso social, convencidos de que o compromiso ético das nosas intervencións profesionais é básico, especialmente cando tratamos con feitos ou procesos que colocan os seus e as súas protagonistas en situación de vulnerabilidade”.