• A raíz da publicación dun artigo de opinión por parte de dous medios de comunicación galegos o pasado 2 de xaneiro, que aborda a violencia de xénero cun enfoque trivial
  • Denuncian que este artigo vulnera directamente os marcos lexislativos, o estatal e o autonómico, que regulan o papel dos medios na procura da igualdade entre mulleres e homes

Xornalistas Galegas comeza o ano chamando aos medios a asumir a súa responsabilidade de non difundir informacións nin opinións que banalicen a violencia machista, a raíz da publicación dun artigo de opinión por parte de dous medios de comunicación galegos o pasado 2 de xaneiro, que aborda a violencia de xénero cun enfoque trivial. Dende o colectivo lembran, tal como recolle a Declaración de Compostela, que “medios e xornalistas adoptarán un compromiso activo na denuncia da violencia de xénero, incentivando a toma de conciencia social sobre a problemática que comporta”. A Declaración subliña tamén que “ante este tipo de delitos non cabe a neutralidade”.

É mais, dende Xornalistas denuncian que este artigo vulnera directamente os marcos lexislativos, o estatal e o autonómico, que regulan o papel dos medios na procura da igualdade entre mulleres e homes. A Lei Orgánica 1/2004 de 28 de decembro, de Medidas de Protección Integral contra a Violencia de Xénero, e a Lei 11/2007 de 27 de xullo, para a Prevención e o Tratamento Integral da Violencia de Xénero, recollen capítulos específicos onde se sinala que os medios evitarán contidos que banalicen a violencia de xénero, ou “nos que se conteñan, tácita ou implicitamente, mensaxes misóxinos”.

Xornalistas Galegas entende que a publicación de calquera información ou opinión que supoña unha banalización da violencia de xénero supón unha falta de compromiso coa responsabilidade ética e xornalística de fuxir da neutralidade diante deste tipo de violencia. No ano 2018, 47 mulleres foron asasinadas en España polas súas parellas ou exparellas, 3 delas en Galicia, tal como sinalan as cifras oficiais, que non contabilizan os asasinatos de mulleres por parte de homes como violencia de xénero sen a existencia dese vínculo.