Xosé Luis Reza Pérez é presidente da Asociación Galega de Marketing (Markea) e do Clúster galego da Comunicación gráfica. A súa carreira profesional abrangue empresas tan diferentes como R, Grupo Tecam, Fundación Semana Verde ou La Voz de Galicia. Na actualidade é socio consultor en Iuni consulting, unha consultora de innovación empresarial e desenvolvemento de negocio. Reza cualifica de “marabillosa” a iniciativa de Extradixital Galicia e asegura que os galegos “temos os mellores produtos do mundo pero fáltanos saber vendelos”. O seu exemplo a seguir é a cevexeira Estrella Galicia.

  •  Extradixital Galicia arranca como un xornal digital co gallo de reflexar a actualidade galega sobre comunicación, medios, anunciantes e axencias. Que lle parece esta iniciativa?
  • Marabillosa! Todo o que sexa difundir e poñer en valor o que se fai con respecto ao marketing e a comunicación en Galicia sempre vai contar co noso apoio. Ese é un dos obxectivos fundamentais polo que naceu Markea, ata o punto de telos reflexados nos nosos estatutos, e que tamén está presente no novo Clúster. Noraboa Avante por esta iniciativa!
  • Co vindeiro decembro chega o quinto aniversario do nacemento de Markea, a Asociación Galega de Marketing. Como valora este período?
  • Moi positiva. Cando comezamos a idear o proxecto, entre varios compañeiros de profesión, non pensabamos que ía ter tanta repercusión, e que alcanzaríamos o centenar de socios, como é o caso. Éramos coñecedores de que había unha necesidade, pero non sabíamos da súa dimensión.
  • ¿Apostan as empresas galegas polo marketing?
  • Cada vez máis. A crise fixo que se revisaran as formas de financiar as empresas e volveuse ver a venda coma a principal vía de ingresos –por non decir a única–. E para vender fai falla o marketing. Ademais das novas tecnoloxías que abriron novas canles de comunicación cos clientes e, polo tanto, novas necesidades no seo das empresas.
  • Vostede lidera unha consultora de innovación empresarial. Que é para vostede a innovación en marketing?
  • Neste caso son un socio máis que ten en Iuni o seu modo principal de vida. Os outros son proxectos sen ánimo de lucro que me reportan moitas satisfaccións personais e profesionais.
  • Para mín a innovación en xeral é o xeito de pensar diferente. E iso é marketing en esencia pura. Non entendo a innovación coma un proceso exclusivamente científico; pódese innovar sen máis que fixarse o que se fai noutros mercados e aplícalo ás nosas empresas… Eu sempre poño de exemplo de innovación a Decathlon: non nos están propoñendo productos que cubran necesidades diferentes ás que xa coñecemos, pero co seu deseño industrial, coa nova forma de crear novas propostas de valor, parece que inventan a roda permanentemente. Dígoo con moito cariño e con certo grado de envexa.
  • Canto e como mudou o marketing nos últimos anos pola evolución do espazo online e a popularización das novas tecnoloxías?
  • Non o sei valorar, pero seguro que se pode. Só hai que mirar os orzamentos das empresas no on-line a día de hoxe e o que había hai dez anos. As novas tecnoloxías estannos abrindo novas portas de comunicación cos clientes, moito máis directas e moito máis medibles, novas canles de venda, novos xeitos de investigar, novos medios de pago… estamos sen dúbida ante unha nova ‘revolución industrial’ e temos que estar aí.
  • Eu teño a sensación de que non me da tempo a poñerme ao día tal e como evoluciona este eido. Eso si, procuro non perder de vista os fundamentos principais do marketing, porque con ou sen novas tecnoloxías, os principios son exactamente os mesmos.
  • Cal é para Xosé Luis Reza a empresa galega modelo no eido marketiniano?
  • Estrella Galicia. A estratexia de crecemento de Hijos de Rivera no resto do Estado debería ser un caso de estudo en todas as Escolas de Negocio do mundo.
  • Que sectores precisan dun maior desenvolvemento do marketing en Galicia e cales acadaron a súa plenitude neste sentido?
  • Todos. En Galicia temos os mellores produtos do mundo, pero fáltanos saber vendelos. No momento en que nolo creamos, e nos parezamos un pouco aos italianos, teremos moito avanzado.
  • Plenitude, en calquer caso, nunca. O marketing ten que cambiar do mesmo xeito que cambian os seus clientes. No momento en que pensemos que xa o temos logrado estaremos mortos. Sempre haberá alguén, en calquer parte do mundo, repensando o modelo e en como rachar co que ‘funciona’.
  • Que opina do marketing político en Galicia?
  • Que non existe como tal. Os políticos están pensando a curto plazo, falan de plans estratéxicos, que non son tal, utilizan as ferramentas do marketing e a comunicación para o seu uso partidista e non en clave de país… hai tempo que perderon o contacto co seu target.
  • E iso fai que no mapa de posicionamento da política aparezan novos competidores que, aínda que a competencia é sempre boa, están creando novas propostas de valor que teñen aínda menos profundidade cos anteriores.
  • Cales son os grandes obxectivos de Markea para o seguinte lustro?
  • En principio manter a actividade coma ata o de agora que, cos recursos que temos, non é pouco. E ampliar o noso ámbito de actuación. Estamos a puntos de ir a Perú, co Clúster de Comunicación, para entablar amizade e colaboración con outras asociacións homónimas, e temos pendende desenvolver unha especie de delegación en Madrid para os marketinianos galegos na ‘diáspora’, que hai moitos e moi ben preparados.