82.000 persoas participaron xa na campaña «Oportunidades Galicia. Separemos ben, reciclaremos mellor»
A campaña autonómica arrancou en agosto de 2016 e suma 1.800 accións por toda Galicia
A iniciativa, promovida, liderada e coordinada pola Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, contando coa colaboración de Ecoembes e Sogama, está a disposición da poboación a través de distintos escenarios e soportes. É o caso do tráiler da reciclaxe, a aula móbil ou a carpa informativa, dispositivos todos eles atendidos por educadores medioambientais que viaxan polos concellos galegos.
O obxectivo é captar a atención de veciños, visitantes e turistas a fin de instruílos na correcta xestión dos residuos urbanos e proporcionarlles as pautas necesarias para que leven á práctica cada día o principio dos tres erres (reducir, reutilizar e reciclar) como garantía de benestar, calidade de vida e futuro.
Pero a campaña tamén está presente en centros escolares, centros comerciais, asociacións, eventos deportivos, festas, mercados, feiras, praias e campamentos de verán, onde os monitores instrúen aos usuarios con talleres e xogos a fin de que interioricen as nocións básicas da reciclaxe dunha forma amena e divertida.
A información dispoñible pode ser complementada a través do sitio web www.oportunidadesparareciclar.gal, constituíndo tamén as redes sociais da campaña en Facebook, Twitter e Instagram unha magnífica ocasión para compartir puntos de vista.