a-galega-ott-contidos-crtvg-2024-galicia

A CRTVG presenta ‘A Galega’, unha nova OTT de contidos que é «moito máis»

  • A nova plataforma culmina o proceso de dixitalización dos medios públicos galegos e cambia por completo o seu posicionamento estratéxico e de marca
  • Amais dos mellores contidos orixinais en galego, contará con dúas novas apps: ‘A Galega Audio’ para os servicios da Radio Galega e ‘Xabarín’ para os máis pequenos
  • No acto de lanzamento da OTT tamén se presentaron os novos platós de directo de informativos e entretemento da TVG

A Cidade da Cultura de Santiago de Compostela acolleu onte á noite unha das presentacións máis importantes dos últimos tempos no mundo do audivisual en Galicia. O certo é que estaba noite para deitar no sofá cunha manta e prender a televisión para ver algún filme ou serie con flocos de millo. Con ese concepto xogou o inicio da presentación a CRTVG, que xa suma unha nova proposta para competir coas máis grandes OTTs: nace ‘A Galega’.

É ‘A Galega’, explicaban, porque así os coñece todo o mundo en Internet. Esther Estévez e Miguel Mandayo foron guiando aos máis de 250 invitados pola historia e os fitos da televisión galega. Na presentación detallou o uso da nova ferramenta Xosé Pereira, director da área de Innovación e Negocio da CRTVG. Logo interviñeron Rosa Vilas, adxunta da dirección xeral e directora de Organización e Xestión do Cambio e o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices.

Ficción, entretemento, directos… «é moito máis»

A nova plataforma OTT nace con máis de 1.400 contidos que irán medrando día a día. Series míticas da Galega, ficción, entretemento, cine, animación, documentais, podcasts, directos e contidos exclusivos. Trátase da maior plataforma dixital audiovisual en galego do mundo.

Ademais de todo este elenco do mellor audiovisual galego, a ferramenta contará coa súa parte de audio. «Porque agora a radio tamén se pode ver», explicaba Xosé Pereira na súa intervención. Todos os servicios e canles da Radio Galega terán o seu espazo ‘á carta’. ‘A Galega Audio’ é un novo xeito de consumir radio de forma visual, coa programación habitual desde o novedoso estudo multimedia. Tamén, podcasts exclusivos e contidos nativos dixitais para un total de máis de 4 mil horas de radio.

A presentación non só abrangueu aos contidos. Un vídeo en movemento de Marta Darriba introduxo a nova xoia da coroa dos directos da TVG: o novo e flamante plató 300. Servirá para todos os servizos informativos pero tamén para programas como os ‘Bos Días’ e o mítico ‘En Xogo’.

Mentres, para os máis cativos, haberá un espazo, unha vella aspiración da corporación. Renace o ‘Xabarín’ como app e con novidades. O mellor contido de animación en galego con títulos como os ‘Os Argonautas e a moeda de ouro’ ou ‘Valentina’ van facer a súa estrea en exclusiva nesta plataforma. Tamén contará coas series míticas dobradas ao galego (Dragon Ball Z, Doraemon e máis). Todo, ao xeito de consumir contidos da cativada.

En aberto para todos pero con contidos exclusivos baixo rexistro

Os contidos tanto da plataforma como das apps irán mudando e medrando. ‘AGalega’ parte xa con contidos exclusivos que só se poderán ver na plataforma. Series como ‘Na Gloria’, interpretada por Xosé Touriñán e Dani Rovira, ou ‘Ghuasapp’ verán a luz exclusivamente na contorna dixital.          

‘Os sen nome’, un documental sobre o accidente aéreo ocorrido en Montrove, é outro dos contidos únicos; a película gañadora dun Goya ‘Valentina’ tamén será contido exclusivo, así como a sección de música, chamada ‘Palco’, contará co último concerto de Amancio Prada coa Filharmonía de Galicia, entre outros contidos.

A plataforma contén as series míticas da TVG combinadas coas máis modernas. ‘Padre Casares’, ‘Pratos combinados’ ou ‘Mareas vivas’ comparten escena coas novas creacións que tamén marcaron época. Estarán presentes ‘Saudade de ti’, ‘Auga Seca’, ‘A Estiba’, ‘Operación Marea Negra’, ‘O sabor das margaridas’, ‘O faro’, entre moitas outras.

AGalega’ poderá verse a través da web www.agalega.gal, e tamén pode descargarse AGalega (escrito sen espazos) desde Google Play e App Store. En febreiro estará dispoñible nas televisións intelixentes: en Fire TV, LG e Samsung. Será un espazo aberto e gratuito a toda a cidadanía pero, tal e como se destacou na presentación, para ter máis funcionalidades, haberá que rexistrarse. Iso permitirá gardar contidos e poder retomalos no punto onde se pausaron, a visualización en varios dispositivos á vez e suxerencias e notificacións coas últimas novidades.

Comparte esta noticia en redes sociales:
Quizá te interese:
Ofertas de Empleo

Ofertas de Empleo

Actualización diaria de ofertas de empleo, becas, concursos, premios.

En Portada

Síguenos en Twitter

bloque-newsletter

Suscríbete a nuestra Newsletter

Recibe en tu correo electrónico las noticias destacadas de Aragón

Quiénes Somos