A Academia Galega do Audiovisual revelou os nomes dos gañadores da VII edición dos Premios María Luz Morales de ensaio e videoensaio sobre o audiovisual. Trátase de Ivan Villarmea, Juan Ares, Manuel Iglesias e Miguel Casaseca e Víctor López, quen recibiu un accésit. Os premios, que naceron no ano 2017 para impulsar a produción de ensaio e videoensaio en lingua galega, están dotados con 1.200 euros e un trofeo.
O xurado estivo composto por Jesús Silva, director da revista de crítica literaria A Cuarta Parede, a docente da Universidade de Vigo Diana Ramahí e o docente da Universidade de Santiago de Compostela Cibrán Tenreiro, quen asistiu á entrega de premios e foi o encargado de anunciar os traballos gañadores.
Na categoría de Mellor ensaio escrito sobre o audiovisual galego a obra gañadora foi ‘O campo de atrás: paisaxes rururbanas no cinema galego’ de Iván Villarmea Álvarez. O galardón ao Mellor ensaio escrito sobre audiovisual internacional foi para ‘Glitch: A arte do accidente. Ontoloxía e evolución’ de Manuel Iglesias Vila. Nesta categoría tamén se outorgou un accésit a ‘Hipercinema: Queimar ós ollos, romper ós oídos / Revolucionar o mundo’ de Víctor López. O Mellor videoensaio sobre o audiovisual galego foi o traballo ‘Os espazos do cinema’ de Miguel Casaseca e o recoñecido como Mellor videoensaio sobre audiovisual internacional foi ‘Almodóvar roda sobre rodas’ de Juan Ares.