campana-electoral-galega-galicia-2024

As chaves da campaña electoral galega de 2024 que comeza: lemas, debates electorais e datas

  • O vindeiro 18 de febreiro Galicia escolle ao ou á dirixente que encabezará a Xunta de Galicia durante os próximos catros anos
  • Os partidos que concorren a estas eleccións xa presentaron lemas, imaxes e campañas e tamén hai data para o debate electoral

Galicia empeza o mes de febreiro de 2024 en chave electoral. Nunhas semanas, os galegos e galegas elexirán ao seu próximo presidente ou presidenta. A tradicional pegada de carteis na pasada madrugada precedeu aos primeiros actos oficiais dos candidatos e candidatas ás eleccións da Xunta de Galicia. O 18 de febreiro serán eses comicios pero, antes, desgranamos os puntos destacados desta campaña no sector que nos ocupa: contando todo o relativo á comunicación de campaña, a datas do debate confirmado en televisión e os lemas, carteis e campañas dos candidatos.

Nesta información desglosaremos as iniciativas dos partidos con representación política no Parlamento de Galicia por orden de escanos e tamén incluimos a información referente aos partidos calificados pola Xunta Electoral coma «significativos» polo feito de ter obtido máis dun 5% dos votos en anteriores procesos electorais.

Debates electorais

Nesta campaña electoral os medios terán un papel importante. Galicia terá, polo menos, un debate televisado entre os principais candidatos e candidatas. Será na televisión pública, a Corporación de Radio e Televisión de Galicia, o vindeiro luns 5 de febreiro ás 21.30h da noite no estudo 300 de San Marcos, en Santiago de Compostela.

Acudirán os candidatos das tres forzas políticas «representativas» e as candidatas dos outros dous partidos que a Xunta Electoral califica como «significativos». Deste xeito acudirán Alfonso Rueda do Partido Popular, Ana Pontón do Bloque Nacionalista Galego e Xosé Ramón Gómez Besteiro do Partido Socialista de Galicia. Tamén acudirán Marta Lois de Sumar Galicia e Isabel Faraldo de Podemos Galicia.

O debate estará moderado por Marta Darriba, redactora xefa, e Alejandro López, subdirector do área de Información e Documentación da corporación autonómica. Estará dividido en tres bloques temáticos. O primeiro tratará sobre economía, presupostos, emprego, industria e transición ecolóxica. O segundo versará sobre políticas sociais e benestar, fiscalidade, educación, sanidade, igualdade e lingua e, o terceiro, será sobre o modelo institucional, pactos, gobernabilidade e voz de Galicia en España.

Este foi o único debate que pactaron a totalidade das cinco forzas políticas. As demais propostas televisivas, entre elas a de Televisión Española a tres bandas, aínda están sen definir. A radio si que contará con outro debate electoral: será este 2 de febreiro ás 9 da mañá nas ondas da Cadena SER – Radio Galicia. Emitirase en directo dende o hotel NH Collection de Santiago e acudirán o portavoz parlamentario do PP, Alberto Pazos Couñago, Ana Pontón e Gómez Besteiro.

Lemas e imaxes de campaña

As campañas sempre veñen acompañadas dos lemas e claims que empregan os partidos nas súas mensaxes aos votantes e tamén nos carteis que se poderán ver nas rúas galegas nas próximas semanas.

«A Galicia que funciona» será o lema de campaña do candidato do Partido Popular, Alfonso Rueda. A secretaria xeral dos populares e directora de campaña, Paula Prado, explicou que a mensaxe busca trasladar ao galegos a idea de que «Galicia non para e agora damos un paso máis. Estamos convencidos de que o progreso da nosa comunidade reside no traballo e esforzo conxunto dos galegos para que todo funcione».

Asemade, o partido tamén lanzou hai un mes o primeiro spot en clave de pre campaña. Agora, a súa comunicación vai acompañada de pequenos vídeos en redes sociais co lema da campaña.

O Bloque Nacionalista Galego que encabeza Ana Pontón acudirá a estas eleccións co claim «Agora!». A candidata, incidindo no seu lema, amosouse convencida de que «o cambio é imparable porque empuxa unha maioría social que quere avanzar, vivir mellor e mirar ao futuro con esperanza». Así o salientou no acto de comezo de campaña en Santiago de Compostela xunto aos seus cabezas de lista nas catro provincias.

No tocante á imaxe visual, o BNG está a optar por diversas pílulas de vídeo para trasladar as mensaxes aos seus votantes. A continuación poden ver un deses formatos lanzado nas redes sociais do partido:

No Partido Socialista de Galicia, Xosé Ramón Gómez Besteiro acudirá á cita electoral defendendo o lema «Desta vai!». No spot de pre campaña o candidato socialista aparecía conducindo unha furgoneta que paraba a recoller aos pasaxeiros dun autobús que pinchara unha roda. Facía así o xogo de palabras co apelido do candidato popular e actual presidente en funcións. «Levamos moito tempo coa ‘Rueda pinchada’… Galicia quere cambio con Gómez Besteiro», explicaban no detalle do vídeo.

Por outra banda, Sumar con Marta Lois á fronte acompaña múltiples das súas mensaxes co claim «Farémolo». No acto de presentación da súa candidatura, o pasado mes de decembro, Lois expuxo aos seus votantes que “se saen a votar, se votan Sumar, haberá cambio en Galicia. Fixémolo en xullo, farémolo de novo agora no noso país”, salientou entón. Amais, lanzaba nas súas propias redes sociais un vídeo personal que serviu como spot inicial da súa campaña.

Por parte de Podemos Galicia, Isabel Faraldo emprega o lema «DEFENDE AS TÚAS IDEAS!». Explicaba a formación morada nun chío na red social X esta mensaxe: «O primeiro gran paso para unha idea se converta en realidade é defendela. Diso vai esta campaña, de seguir falando do que ninguén máis fala, de alzar a voz contra as inxustizas, de imaxinar o horizonte doutro mundo posible. DEFENDE AS TÚAS IDEAS!». Neste caso, toda a comunicación visual da candidatura realízase a través de posts en redes sociais. Estes inclúen explicacións sobre o detalle do programa electoral co que concorren á cita.

Datas chave para a campaña electoral galega

Desde o día 26 de decembro está aberta a solicitude de voto por correo. O último día para solicitalo será o 8 de febreiro e a derradeira data para envialo o vindeiro 14 de febreiro. Outra das datas clave será o 16 de febreiro, venres. Nesa xornada rematarán os actos da campaña electoral dos candidatos e candidatas á Xunta de Galicia.

A xornada posterior, sábado 17, será a ‘xornada de reflexión’. Con isto, o electorado escollerá representantes ao Parlamento de Galicia o vindeiro domingo 18 de febreiro.

Comparte esta noticia en redes sociales:
Quizá te interese:
Ofertas de Empleo

Ofertas de Empleo

Actualización diaria de ofertas de empleo, becas, concursos, premios.

En Portada

Síguenos en Twitter

bloque-newsletter

Suscríbete a nuestra Newsletter

Recibe en tu correo electrónico las noticias destacadas de Aragón

Quiénes Somos