casa-grande-xanceda-sara-torreiro-galicia

Sara Torreiro: «A nosa máxima é que desde o rural pódese todo e facemos comunicación positiva e sen catastrofismos»

Casa Grande de Xanceda conta cunha longa historia detrás. Dende o pobo de Mesía, na provincia da Coruña, as vacas desta empresa galega levan máis de medio século pastando libres nun entorno privilexiado e coidadas por unha empresa que ten entre os seus valores a defensa da paisaxe galega, a creación de empregos e entornos seguros no rural, a diversificacións dos productos lácteos de calidade e o achegamento do ecoloxismo real ás novas xeracións.

Sara Torreiro está á fronte da súa estratexia de marca e da comunicación da empresa. Atende a Extradixital nunha nova edición de La entrevista de Markea para falar dos fitos da empresa, da trazabilidade que demanda o mercado e o consumidor e das curiosas iniciativas de Xanceda en TikTok, entre outros temas.

Malia o aumento da popularidade recente, Casa Grande de Xanceda ten máis de medio século de vida. Que valoración facedes da situación actual da empresa? 

A situación actual non tería sido posible sen a filosofía dos seus fundadores, os xornalistas galegos Victoria Fernández-España e Felipe Fernández Armesto. A certificación en ecolóxico foi posible porque eles investiron en terra e non en formigón e porque criaban vacas acostumadas ao pastoreo. Desde aquela ata hoxe seguimos entendendo que hai unha forma mellor e máis responsable de producir no rural. Levamos case 20 anos producindo os nosos lácteos ecolóxicos de alta calidade. Sempre con eses valores de compromiso co rural, coa natureza e cos animais.

O noso é un proxecto sostible medioambiental e socialmente pero tamén economicamente. O importe neto da cifra de negocio non deixou de medrar desde 2015. Esta liña sostible nestes tres eixos é a que mantemos e sempre con vocación de permanencia a longo prazo e coa idea de crear postos de traballo para que as persoas rurais poidan desenvolver os seus proxectos de vida. E, por suposto, coa firme idea de que a nosa sede, a nosa fábrica e a nosa granxa se teñen que manter en Mesía. 

Cales son os fitos que, segundo á vosa valoración interna, vos levaron a esta situación no mercado alimentario galego?

Por unha banda, a aposta pola certificación en ecolóxico. Pola outra, a decisión de competir en calidade. E, por suposto, o inbound marketing e o marketing de guerrilla. A nosa é unha comunicación centrada nos valores da marca que son o compromiso cos animais, o compromiso coa natureza e o compromiso co rural. 

En Casa Grande de Xanceda temos o proxecto completo: cultivamos os nosos campos, facemos os nosos forraxes, criamos ás nosas becerras, coidamos ás nosas vacas, muxímolas e transformamos o leite en lácteos de alta calidade. Esa posibilidade de diferenciación é parte do éxito. Ademais, somos un polo de turismo sostible, atraemos unha media de 8000 visitas ao ano. A propia granxa é a mellor ferramenta que temos para vincular ás persoas coa marca e para ensinar que facemos e como o facemos. 

En que consiste ter a certificación ecolóxica dos vosos produtos?

Na Casa Grande de Xanceda atémonos ás directrices de produción ecolóxica da Unión Europea. Isto implica producir só con ingredientes ecolóxicos. Os nosos iogures levan leite fresco das nosas vacas, fermentos, froita eco e nada máis! Por iso as nosas etiquetas son moi limpas, non hai nata nin leite en pó nin palabras raras.

casa-grande-xanceda-sara-torreiro-galicia

En canto á granxa, conservamos 200 hectáreas libres de herbicidas, pesticidas e fertilizantes químicos. Son o fogar das nosas 300 vacas felices e moitos outros animais silvestres. Grazas a esta aposta ecolóxica, en 2022, 75 das hectáreas da granxa foron declaradas pola Xunta como Espazo Natural Protexido. E boa parte do traballo para que isto sexa posible fano as nosas vacas, que son as que crean un ecosistema de pastoreo diverso. O informe do Espazo Natural Protexido recolle que, se desapareceran as nosas vacas, degradaríanse as condicións de biodiversidade da zona e desaparecería a paisaxe agraria clásica que mantemos. Onde hai vacas pacendo, persoas e traballo, non hai monocultivos, incendios nin abandono. 

Como defende Casa Grande de Xanceda esta certificación e o valor do ecolóxico no mundo actual da sobreinformación e do uso, ás veces con fins publicitarios, da palabra ‘sostibilidade’? 

As persoas consumidoras preocupámonos, cada vez máis, polos proxectos que hai tras os produtos que entran nos nosos fogares e pola súa trazabilidade. Isto propiciou a aparición do greenwashing ou, como eu prefiro chamalo, do ecopostureo. Esta estratexia é un engano, xa que consiste en vestir de verde produtos que, de verdes, non teñen nada. Segundo a Unión Europea, o 53% dos lemas verdes dan información vaga, enganosa ou infundada. 

Efectivamente, a palabra «sostibilidade» úsase, moitas veces, para referirse a procesos ou produtos que non o son. Por iso desde Casa Grande de Xanceda insistimos tanto en que o único que garante que un produto sexa ecolóxico é o selo ecolóxico da Unión Europea.

A cifra de negocio non deixou de medrar desde 2015 por tres eixos: vocación de permanencia a longo prazo, a idea de crear postos de traballo para que as persoas rurais poidan desenvolver os seus proxectos de vida e que a nosa sede, a nosa fábrica e a nosa granxa se teñen que manter en Mesía

Sara Torreiro, directora de Marketing e Comunicación de Casa Grande de Xanceda
Percibides logo que a xente demanda cada vez máis,unha trazabilidade máis precisa dos produtos, o kilómetro cero e o ecolóxico na súa compra habitual? 

Si, é unha tendencia no mercado. A nivel educativo hai moito que facer nisto. Tamén a administración ten unha gran labor por diante, non só para sensibilizar e concienciar máis no consumo responsable de alimentos senón tamén na aposta de compra deste tipo de produtos para os seus centros: residencias, centros de traballo, etcétera. 

A empresa medrou en popularidade e implantación entre un target de clientes máis novos grazas á vosa comunicación en redes, especialmente na plataforma TikTok. Como enfocades esta nova estratexia?

Este 2023 lanzamos unha campaña especialmente pensada para esa xeración Z, a nosa acción TikToker de Vacas. Con ela ofreciamos unha experiencia dunha fin de semana na granxa creando contido, a cambio de 2000€ a través dun concurso. Gañou a tiktoker @emejotisa. Tras isto, a idade media de seguidores do noso Instagram descendeu e aumentaron os seguidores do noso TikTok. 

Cremos que as novas xeracións están moi concienciadas coa cuestión medioambiental e por iso queremos mostrar o que é un proxecto ecolóxico e de economía circular como o noso, e tamén que as vacas en ecolóxico son grandes aliadas da natureza. É moi importante desmentir os bulos que xiran sobre o sector primario. 

casa-grande-xanceda-sara-torreiro-galicia
Casa Grande de Xanceda tamén destaca pola presenza de mulleres nos postos de dirección e de responsabilidade como é o caso da xerente, Cristina Fernández Armesto, e do teu coma responsable de Comunicación e Marketing. Faise máis complicado liderar unha compañía familiar no rural e sendo mulleres, co estigma que iso pode supor aínda na actualidade? 

Cristina sempre di que hoxe en día se visibiliza ás mulleres rurais comparándoas con superheroínas, e iso é negativo. E, efectivamente, as mulleres rurais non queremos ser superheroínas, queremos ser persoas con posibilidade de desenvolver a nosa carreira profesional en igualdade cos homes sen vernos lastradas pola falta de servizos para conciliar e por esa necesidade de ter que estar sempre para todo e para todos, como principais provedoras de coidados. 

A sociedade ten unha débeda impagable coas mulleres rurais. Son as que mantiveron este mundo, a súa cultura e as súas tradicións. En Casa Grande de Xanceda é motivo de orgullo ter un 62% de mulleres na plantilla, moitas de nós mulleres rurais e en postos de responsabilidade. A propia Cristina, eu, pero tamén Calidade, Produción, Administración, Ecovistas, Granxa… 

A granxa e a marca tamén son unha oda á Galicia rural, ao mundo de posibilidades para aqueles que elixen este modo de vida no mundo da hiperconectividade. Entendedes tamén este modelo de negocio como unha defensa das raíces, das orixes e das posibilidades que dá o campo galego?

Nós temos unha máxima e é que desde o rural se pode todo. A nosa comunicación é desde un punto de vista positivo e fuxindo de catastrofismos. O rural, cada vez máis, é un mundo cheo de posibilidades e por iso animamos á xente nova a emprender nel. 

Unha das medidas máis efectivas para combater o despoboamento é o emprendemento, pero non de calquera xeito. Ten que ser con valor engadido e buscando a diferenciación. Así é como o rural pode ser competitivo. O sector primario é indispensable, vímolo coa crise da covid19 e tamén coa invasión de Ucrania. O mundo non pode sobrevivir sen un rural que o alimente. E, neste contexto, Galicia ten moito que aportar.

Iso si, tampouco queremos caer no wishful thinking. O rural galego ten grandes vantaxes, terras fértiles, auga, recursos naturais, moita capacidade de innovación e unha relación histórica entre as persoas e o campo. Pero tamén hai problemas: pode que non vaias ter a mellor conexión a internet, pode que che falten servizos de conciliación ou pode que a túa visibilidade fose mellor se o teu negocio estivese nunha cidade. Pero por iso é tan importante poñer en valor as túas fortaleza, o que te diferencia por apostar polo rural e por ser rural. Moitas das nosas campañas tamén abordan isto, non deixamos de reclamar melloras para a nosa contorna. 

Cremos que as novas xeracións están moi concienciadas co medioambiente e por iso queremos mostrar o que é un proxecto ecolóxico e de economía circular. É moi importante desmentir os bulos que xiran sobre o sector primario. 

Sara Torreiro, directora de Marketing e Comunicación de Casa Grande de Xanceda
Parte da estratexia de comunicación da granxa parte da premisa da educación medioambiental e ecolóxica, facendo eventos especiais polo Día do Leite, da Agricultura Ecolóxica ou acudindo aos centros de formación. Coma responsable de comunicación, que importancia das a esta parte educativa?

Moitísima. Temos tres programas educativos, EduCANdo con Malibú&Mazapán, Rosco ao Rescate e Dá o Paso. Abordan as tres áreas coas que estamos comprometidos: o benestar animal, a natureza e o rural. A RSC infantil é moi agradecida, os nenos, que son a cidadanía do futuro, son como esponxas e tamén prescritores nos seus propios fogares. Por iso para nós é unha honra poder falarlles deses valores.

Premios de diversa índole ou a declaración de Proxecto de Interese Autonómico por parte da Xunta. Cóntanos un pouco dese proxecto de expansión e cara onde camiñan os vosos plans de futuro a nivel corporativo?

De momento estamos a estudar o proxecto e como desenvolvelo pero hai algo que temos claro: continuará a ser un proxecto ecolóxico e rural. Un proxecto que continúe a traballar coa natureza e que, a través da súa RSC, lle devolva á sociedade parte do que a sociedade nos dá. Temos por diante o reto de comunicar a importancia de consumir produtos ecolóxicos e responsables coa contorna na que se asentan, a importancia de coidar a natureza e aos animais e a responsabilidade de seguir traballando porque o rural, o noso rural, siga a ser un lugar onde as persoas poidan vivir, soñar e traballar.

Comparte esta noticia en redes sociales:
Quizá te interese:
Banner-extradigital-noviembre-300x600-3
Ofertas de Empleo

Ofertas de Empleo

Actualización diaria de ofertas de empleo, becas, concursos, premios.

En Portada

Síguenos en Twitter

bloque-newsletter

Suscríbete a nuestra Newsletter

Recibe en tu correo electrónico las noticias destacadas de Aragón

Quiénes Somos