O CPXG oferta dous novos webinars en outubro e novembro para os profesionais dos medios na comunidade. Deste xeito, ofrecerán unha charla sobre a violencia simbólica contra as mulleres e tamén outra sobre o xornalismo de datos.
‘Golosinas visuais: a violencia simbólica no marco da biopolítica’ será o curso que abra este novo ciclo formativo para tentar responder á existencia dun metadiscurso regresivo nos medios e a cultura popular que se propón como discurso emancipador. Trátase de mensaxes altamente ambiguas, que utilizan con frecuencia a propia retórica feminista para encubrir ideas profundamente antifeministas e ás veces abertamente misóxinas, xerando unha tensión discursiva entre emancipación e dominación que non é fácil resolver. É o paradigma da violencia simbólica que, na sociedade contemporánea, se amplía desde as redes sociais.
A formación impartirase o vindeiro 21 de outubro por María Isabel Menéndez Menéndez, catedrática de Comunicación Audiovisual e Publicidade na Universidad de Burgos, cunha carreira investigadora centrada na análise feminista das industrias culturais e o tratamento informativo da violencia machista e simbólica, ademais dunha dilatada traxectoria como consultora para institucións públicas e empresas no ámbito das políticas de igualdade e a prevención da violencia de xénero.
Xa en novembro, o sábado 25, terá lugar o webinar ‘Introdución ao xornalismo de datos: primeiros pasos, competencias e ferramentas’ impartido por Miguel Rodríguez Fernández. Licenciado en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, cun mestrado en Xornalismo de Datos e Computacional pola Universidade de Cardiff, fará un percorrido polas orixes e a teoría do xornalismo de datos, explicando as diferentes vertentes ou áreas de especialización que existen dentro del, dando conta da grande variedade de ferramentas e linguaxes de programación dispoñíbeis para as e os xornalistas e ofreceranse orientacións e consellos básicos para introducirse nesta corrente do xornalismo tan necesaria hoxe en día, así como recursos e cursos para continuar coa formación nesta materia.
Tras unha carreira en distintos medios galegos e estatais, o xornalista ten experiencia no ámbito dos datos logo de traballar na Press Association e coma editor de datos dende 2019 en ICIS, publicación internacional especializada na cobertura de mercados enerxéticos e petroquímicos.
Os cursos realizaranse en sábado, en horario das 11.00 ás 13:00 horas, a través da plataforma de formación online do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, e pode asistirse a eles tamén de maneira diferida. A inscrición está xa aberta e remata o mércores 18 de outubro para o primeiro dos webinars, e o 22 de novembro para o segundo. O prezo da inscrición é de 9 euros para colexiados e colexiadas, 5 euros para xornalistas en situación de desemprego e estudantes e 15 euros para xornalistas non colexiados/as.