- O obxectivo principal do evento é establecer un espazo para profesionais e estudantes de deseño
- A sétima edición achegará a Compostela temas como as motion graphics, o deseño dixital ou o de producto
- As entradas están á venda desde o pasado 2 de outubro en dag.gal
O FEED, o evento bianual que organiza a DAG Asociación Galega de Deseño, volve este ano 2023 a celebrar edición os vindeiros días 3 e 4 de novembro. Será a sétima edición desde que comezara a celebrarse no ano 2013. O punto de partida destes encontros foi o FEET, un congreso orientado á edición e á tipografía. Celebrouse en 2010 en Pontevedra e puxo de manifesto a importancia das reunións de deseñadores en Galicia.
Nesta sétima edición retómase o programa en dous días con seminarios, conferencias, mesas redondas e presentacións de proxectos. Os dous obradoiros matinais están dirixidos por equipos de deseño especializados en motion graphics e deseño de procesos produtivos: David Galar de Thru Studio e Marta Falcón.
O resto de relatores e relatoras intervirán nas xornadas de tarde. Será entón o turno de Isidro Ferrer, deseñador gráfico e editorial, María Agra, deseñadora dixital, e Noemi Cortizas, deseñadora industrial e membro da APCI francesa. Tamén estarán presentes José M. Aguilar, deseñador de produto en Oiko Design, e Àngela Montagud, deseñadora de experiencias e de espazos en Clap.
Exposicións e espazo para profesionais e estudantes
O programa complétase coa presentación da exposicion ‘Galicia, procesos e formas’ comisariada por David Barro para a Porto Design Biennale e onde participan socios e socias de DAG. Outra das actividades paralelas será a visita á exposición ‘A cociña de Barro’ na Fundación DIDAC, con prazas reservadas. Estará impulsada polo socio Pepe Barro no seu 50 aniversario na profesión e toda unha vida adicada ao deseño e á investigación. Tamén haberá presentacións de proxectos de estudantes de deseño e dúas mesas redondas participadas polos e polas conferenciantes.
O obxectivo do FEED é establecer un espazo para profesionais e estudantes de deseño onde compartir experiencias e propiciar a reflexión dentro da profesión e satisfacer a demanda de formación. Hoxe é un evento de referencia no noroeste peninsular para persoas e axentes económicos e culturais con interese nos valores innovadores do deseño.
Está patrocinado pola Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais. O evento conta coa colaboración de Acción Cultural Española a través do programa PICE Visitantes, do CGAC, da Fundación DIDAC, e das empresas Anduriña, Axeitos&Co e Serilúa.