O selo de NRede do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, que busca poñer en valor os medios dixitais galegos, comeza a identificar os espazos con contidos xornalísticos. 11 cabeceiras galegas contan xa coa certificación que garante que a súa información é froito dun traballo profesional.
Os primeiros medios incluídos no rexistro son: Galicia Confidencial, Galiciapress, GCDiario, Lugo Xornal, Mundiario, Pontevedra Viva, Praza Pública, Tempos Dixital Xornal da Mariña, Xornal de Lemos e Xornal de Vigo. Todos eles cumpren cos requisitos que garanten que son espazos de comunicación con contidos xornalísticos. Contan con información froito dun traballo profesional e respectan a deontoloxía do xornalismo. Ademais, dan boa conta da pluralidade do xornalismo dixital galego xa que representan distintos enfoques comunicativos e cubren boa parte da xeografía galega.
Como solicitar o selo NRede
Para solicitar a inclusión no rexistro o medio deberá estar constituído como empresa xornalística ou entidade legalmente rexistrada (ou ben o seu/s autor/es ou autora/s estaren dados de alta como autónomos/as). Tamén, estar ao corrente das obrigas con Facenda e a Seguridade Social; e ter no cadro de persoal ou na organización empresarial, cando menos, unha persoa licenciada/graduada en Xornalismo ou colexiada no CPXG.
Os medios inscritos deben desenvolverse principalmente na contorna dixital e cubrir información de interese xeral mediante a produción propia de contidos actualizada de forma periódica. É indispensable ter un mínimo de seis meses de traxectoria demostrable (tres anos no caso de anuarios). Finalmente, ó respecto ao Código Deontolóxico do Xornalismo Galego.
Os medios interesados poden solicitar a inscrición en NRede a través da páxina web do Colexio. Para calquera dúbida pódese contactar co Colexio de Xornalistas a través do mail xornalistas@xornalistas.gal ou no teléfono 981 935 670.