A VIII Bolsa Nacho Mirás para xornalistas noveis, organizada e desenvolvida polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, acaba de abrir inscripcións. Trátase dunha iniciativa patrocinada por Abanca, que ten unha dotación de 6.000 euros. Está destinada a promover proxectos xornalísticos de novos e novas tituladas en Xornalismo ou Comunicación Audiovisual. A recepción de propostas estará aberta ata o 15 de xuño .
Poderán concorrer a esta convocatoria titulados nos últimos cinco anos (2023, 2022, 2021, 2020 ou 2019), con proxectos inéditos e sen ningún outro tipo de financiamento, nin privado nin público. As propostas poden ser de traballos xornalísticos de calquera xénero, iniciativas para un novo medio ou proxectos que teñan como finalidade a información e a comunicación.
As persoas interesadas deberán enviar por correo electrónico a xornalistas@xornalistas.gal o formulario de inscrición, xunto cunha fotocopia do título (ou copia do expediente para os estudantes de último curso). Tamén será preciso o envío dunha descrición do proxecto e cronoloxía de traballo; o orzamento estimado; a declaración de non ter concedida nin solicitada ningunha outra axuda; e unha nota sobre o autor ou autores. Esta última poderá acompañarse dun breve currículo de cada un de eles.
Para a concesión da bolsa valorarase que o proxecto se materialice en galego e ser membro do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia. A maiores, que poida supor unha solución profesional para os solicitantes e que se acredite a viabilidade futura do proxecto. Tamén contarán a orixinalidade; a amplitude xeográfica do proxecto; o traballo en equipo e a documentación da memoria.
O xurado que avaliará os traballos presentados estará formado por: Ainhoa Apestegui, Isaac González, Darío Janeiro, Xosé López, Xosé Manuel Pereiro, Francisco G. Sarria, Xoán Soler e Fernando Varela. O fallo do xurado darase a coñecer no mes de xuño.