entrevista extradigital carlos alvarez desoños

Carlos Álvarez: «A identidade corporativa ten gran valor na cohesión interna das organizacións»

Carlos Álvarez é, xunto a Noelia Estévez, Desoños. Un estudo vigués bicéfalo que está a piques de cumprir 20 anos poñendo de manifesto a importancia do deseño á hora de trasladar unha mensaxe. Fano, ademais, co obxectivo de contribuír ao desenvolvemento de Galicia nun sector que demostra cada día que está á altura dos mellores. No seu portfolio está o desenvolvemento de identidades corporativas de Abanca, Pescanova ou Ezpeleta, e unha lista de galardóns polo seu traballo. Viviron a crise de 2008 e hoxe afrontan esta derivada da pandemia; fano coa conciencia de que a aposta polo desenvolvemento local ten que ser unha máxima e o dixital, o futuro.

Un día de 2001 imaxinastes unha sociedade galega sostible, no plano social, cultural e económico, e comezastes a “desoñar”. Hoxe estes principios cobran máis importancia que nunca… O deseño é unha das ferramentas clave para este desenvolvemento?

Sen dúbida. Proba delo é que as grandes compañías internacionais están introducindo o deseño como unha nova disciplina dentro da xestión empresarial porque aporta unha importante vantaxe estratéxica para a innovación e o cambio.

Introducir o deseño na toma das decisións executivas amplía a visión estratéxica das organizacións, logrando integrar as necesidades da marca, do mercado e da empresa, permitíndolles anticiparse as novas situacións do mercado. O deseño ten unha enorme capacidade para proxectar, visualizar e validar e isto o converte nunha ferramenta clave para a toma de decisións.

En Desoños mantemos intacta a nosa motivación por contribuír ao desenvolvemento deste país. Galiza ten moito potencial de crecemento, temos todos os recursos necesarios e empresas moi interesantes apostando pola innovación, e a innovación pasa necesariamente polo deseño. Nas súas mans está facer uso desta valiosa ferramenta.

Estamos a piques de terminar este complicado e estraño 2020, como vivistes este tempo desde o mes de marzo, coa chegada do confinamento, e os posteriores meses da pandemia?

Os dous primeiros meses foron duros, xa que ao parón económico que se produciu hai que engadir a complexidade de conciliar vida laboral e familiar. Nunha profesión tan precaria como é o deseño no noso país, dous meses son moito tempo e supón moito esforzo recuperarse. Dito isto teño que engadir que o resto do ano foi bo e pecharemos o ano cun resultado semellante ao 2019. A versatilidade do estudio permitiunos adaptarnos a unha situación na que o dixital colleu moito protagonismo.

Somos un equipo afeito a traballar man a man e cunha metodoloxía de traballo moi participativa polo que o distanciamento e o teletraballo recibímolo con bastante resignación. Porén, adaptámonos á nova situación con bastante rapidez e de maneira bastante satisfactoria.

A versatilidade do estudio permitiunos adaptarnos a unha situación na que o dixital colleu moito protagonismo.

Moitas marcas mostraron o seu lado máis solidario; vós, como estudio, tamén. A crise sanitaria cambiou o enfoque a nivel creativo e comunicacional?

Máis que cambiar o enfoque diría que fixo máis evidente a necesidade das marcas de conectar emocionalmente coa sociedade, especialmente nun tema tan sensible como a saúde.

Asistimos como en pouco tempo algunhas empresas adaptaron o seu sistema produtivo para fabricar máscaras, divisiorias e todo tipo de produtos necesarios para facer fronte á crise, ben por solidariedade ou ben por necesidade, pero cun denominador común: o deseño como disciplina clave para dar resposta ás novas necesidades.

Credes que os negocios e empresas que non tiñan na súa mente investir en deseño, en creatividade, en márketing, déronse conta neste tempo de que comunicar volveuse máis importante ca nunca?

Por suposto, isto fíxose moi palpable. Comprobamos como moitas organizacións encontráronse con novas necesidades de comunicación e de explorar novas canles. A virada cara a contornos dixitais é quizais a máis evidente, sectores que tradicionalmente foron alleos á presenza en pantallas víronse na necesidade de pasarse ao mundo dixital para adaptarse a unha nova realidade.

Quedaríame, desta crise, coa reacción positiva que vimos en gran parte das empresas galegas, que lonxe de paralizarse ante unha situación tan desconcertante souberon adaptarse facendo gala de gran creatividade e afouteza.

Esta crise —que non é exclusivamente sanitaria xa que constata como o modelo de relación que temos co territorio non é sostible— déixanos, tamén, unha maior conciencia da importancia do consumo local e socialmente responsable. Agardemos que esta sensibilización se transforme en cambios reais nos nosos hábitos de consumo.

Esta crise déixanos, tamén, unha maior conciencia da importancia do consumo local e socialmente responsable.

O confinamento e as medidas de distancia social tamén trouxo consigo unha “explosión” do dixital en pouco tempo. En Desoños tamén estades a dar ese xiro cara ao dixital, que diferenzas hai á hora de expor un deseño en dixital vs. offline?

Ofrecer solucións de deseño integrais, medios dixitais e impresos, foi a nosa aposta e un dos valores diferenciais nos inicios de Desoños. Nun momento, hai case 20 anos, no que o sector apuntaba á especialización moitas organizacións buscaban un estudio que puidera ofrecer deseño en ambos medios.

Esencialmente mantemos a mesma estrutura pero, como comentas, estamos fortalecendo a nosa oferta de servizos dixitais e profundando en disciplinas claves como o deseño centrado nas usuarias (UX). Inda que existía unha necesidade social que demandaba estes servizos o confinamento e as medidas de distanciamento agudizaron esta situación, incluso en sectores que estaban moi lonxe das solucións dixitais.

Evidentemente, o achegamento das usuarias ao deseño dixital e ao impreso é moi diferente: a experiencia física que ofrece o deseño impreso pode ofrecer unha e o deseño dixital permite crear contidos dinámicos, son dous exemplos de que estamos ante disciplinas diferentes. Mais o proceso de traballo é basicamente o mesmo, os procesos de deseño son moi semellantes incluso en disciplinas moi diferentes.

Unha das marcas coa que traballades é o grupo Nove, ese grupo de cociñeiros galegos de vangarda, aos que lles renovastes a imaxe corporativa. Como foi este traballo para un sector que o está pasando mal?

Cando renovamos a marca do grupo Nove non podiamos nin imaxinar o que ía acontecer neste ano 2020. No seu momento, a creación da nova identidade visual supuxo un gran impulso para o grupo, na súa autoafirmación e na motivación para afrontar un tempo novo. Moitas veces esquécese o valor da identidade corporativa como elemento de cohesión interna dentro das organizacións.

A pesar de todas as dificultades do sector, a cociña galega está a vivir momentos doces coa recente consecución de tres novas estrelas Michelin, o primeiro restaurante con dúas estrelas de Galiza e tres das novas estrelas verdes Michelin que premian os proxectos que apostan pola sostibilidade e a aposta polo produto local e de temporada.

A pesar de todas as dificultades do sector, a cociña galega está a vivir momentos doces coa recente consecución de tres novas estrelas Michelin

Neste proxecto intervén todo o equipo do Colaboratorio, unha rede de autónomos que traballades de maneira conxunta en determinadas propostas. Contádenos como funciona esa plataforma de traballo colaborativo. Credes que ten posibilidades de ser exportado e replicado noutros ámbitos?

O colaboratorio foi xurdindo de manera natural, pouco a pouco, a través da nosa rede de colaboración con persoas que ofrecían servizos complementarios. Nun momento dado vimos a posibilidade de incorporalos ao noso espazo de traballo de maneira que puideran xerarse sinerxias e formar un gran equipo que pode ofrecer case todos os servizos que unha marca pode necesitar para a súa comunicación. Esta fortaleza permítenos acceder con maior facilidade a proxectos de máis envergadura e xestionalos con máis facilidade.

Neste momento, ademais de Desoños contamos no colaboratorio con Zeltia Stadelmann, experta en comunicación, creación de contidos e dirección de arte; con MA Agencia especializadas en márketing online e offline e eventos; co fotógrafo Nando Iglesias e a produtora AZO audiovisual.

Unha experiencia moi enriquecedora e totalmente exportable a outros campos. A unión fainos máis fortes e ese é o camiño para ofrecer o mellor de cada un de nós.

Comparte esta noticia en redes sociales:
Quizá te interese:
Ofertas de Empleo

Ofertas de Empleo

Actualización diaria de ofertas de empleo, becas, concursos, premios.

En Portada

Síguenos en Twitter

bloque-newsletter

Suscríbete a nuestra Newsletter

Recibe en tu correo electrónico las noticias destacadas de Aragón

Quiénes Somos