-
Consolidase como a referencia informativa para os galegos cun share de 18,4% na faixa do mediodía, moi por riba de Antena 3, a segunda canle máis vista con 5,3 puntos
-
Case todos os días da semana se produce un crecemento de audiencia, aínda que destacan os resultados dos xoves, venres e sábado, tanto no conxunto do día como no prime time
A Televisión de Galicia fechou o mes de outubro cunha cota de pantalla do 9,7% no conxunto do día e de 10,2% no ‘prime time’. Estes datos indican que a canle pública galega medrou 8 décimas de cota no ‘total día’ e 1 décima na faixa nocturna, según datos de Kantar Media.
Con estes resultados, a TVG segue a actuar coma un dos motores principais de FORTA –Federación de Organismos de Radio e Televisión Autonómicas-, grupo ao que supera no conxunto do mes en 1,6 puntos de cota e na faixa máis importante do día, o ‘prime time’, en 2 puntos.
A tendencia a alza reflíctese nos principais espazos informativos da canle pública galega. De luns a venres, medra a cota de “A Revista”, en 3,8 puntos; do “Galicia Noticias”, 1,6; do “Telexornal Mediodía”, 7 décimas, e do “Telexornal Serán”, 5 décimas; mentres que na fin de semana, esta situación é similar co “Telexornal Mediodía” e “Serán”, que crecen en 1,2 puntos e 9 décimas, respectivamente.
Con relación aos informativos, a faixa do mediodía (13.30-15.30 h.) da TVG segue a ser a referencia en Galicia, cunha cota de 18,4%. A seguinte canle competidora, Antena 3, sitúase a 5,3 puntos de cota de distancia da canle pública galega.
Case todos os días da semana se produce un crecemento de audiencia, aínda que cómpre salientar que destacan, tanto no conxunto do día coma do ‘prime time’, os resultados dos xoves (11,3% e 13,2%), venres (11% e 12,6%) e sábado (10,9% e 12,3%).