A USC e o CPXG publican unha «Guía de linguaxe inclusiva»

  • A guía recolle pautas e consellos para evitar o sexismo ou o racismo na linguaxe e tamén recomendacións para o tratamento xornalístico de determinados colectivos
  • O manual foi elaborado por alumnado de 1º de Xornalismo tomando como referencia o traballo de Nacho Mirás, xornalista e profesor da facultade de Ciencias da Comunicación falecido prematuramente 

A facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela, en colaboración coa facultade de Ciencias da Educación e o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG), elaborou unha Guía de linguaxe inclusiva que recolle recomendacións para combater o emprego de linguaxes discriminatorias e prácticas para o tratamento informativo de distintos colectivos e situacións que poidan xerar riscos de exclusión. O documento foi realizado polo alumnado da materia Redacción Informativa que coordinan os profesores Xosé López e José Casás.

A Guía de linguaxe inclusiva recolle pautas e consellos para evitar o sexismo ou o racismo na linguaxe e tamén recomendacións para o tratamento xornalístico de colectivos como os nenos e nenas, as persoas maiores, a comunidade LGTBQI, as persoas migrantes, persoas privadas de liberdade ou persoas con capacidades diversas. O manual componse de 14 capítulos dedicados a outros tantos ámbitos ou colectivos: Linguaxe non Sexista, Infancia, Persoas maiores, Pobreza, Emprego, Catástrofes e emerxencias, Cooperación internacional, Comercio xusto, Medio ambiente, Persoas migrantes, Persoas privadas de liberdade, Capacidades diversas e Racismo.

Este traballo parte do proxecto de Innovación Educativa de Aprendizaxe-Servizo “Xornalismo colaborativo e transmediático contra a discriminación social”, que busca aplicar unha metodoloxía educativa que integre os procesos de aprendizaxe coa realización de tarefas de servizo á comunidade xornalística e aos comunicadores en xeral. As súas recomendacións están xa disponíbeis na web do proxecto, así como en xornalistas.gal.

A obra recomenda, por exemplo, usar substantivos non sexuados (profesorado en vez de profesores, ou a poboación galega no canto de os galegos) ou empregar dobres formas, alternando a orde dos xéneros (alumnos e alumnos). Así mesmo, suxire omitir referencias directas ao suxeito mediante formas impersoais: «Quen se beneficien da nova regulación» en troques de «Os beneficiarios da nova regulación».

Tamén se aposta por «evitar termos que perpetúen os roles de xénero» como os que nomean ás mulleres pola súa relación de parentesco con outro home: «a filla de Eduard Punset» en lugar de Isabel Punset. E pola «incorporación de termos que permitan nomear en feminino ás mulleres en cada unha das súas profesións», como «a médica» ou «a bombeira». Fóra da cuestión de xénero, realízanse recomendacións «para contribuír á inclusión do colectivo das persoas maiores», evitando o paternalismo, resaltando a heteroxeneidade das persoas maiores, evitando os tópicos e os estereotipos e as coberturas mediáticas que se centran exclusivamente nos problemas médicos e a súa dependencia.

A iniciativa toma como referencia o traballo e o blog de Nacho Mirás, xornalista e profesor da facultade de Ciencias da Comunicación falecido prematuramente, que foi un exemplo no emprego de linguaxes inclusivas e un puntal no combate contra todo tipo de discriminación. A publicación forma parte dun conxunto de proxectos que inclúe a Bolsa Nacho Mirás para novas tituladas e titulados ou a denominación da aula que leva o seu nome na Faculdade de Ciencias da Comunicación, que foi precisamente o lugar no que se redactou a guía.

O proxecto terá continuidade no presente curso 2018-2019 e incorpora dúas novidades. En primeiro lugar, o manual incluirá novos colectivos ou áreas temáticas sobre os que construír recomendacións: os suicidios, as adiccións, a prostitución e finalmente a moral e a relixión. A segunda novidade consistirá na incorporación dunha nova ferramenta de traballo nas clases: Instagram. O uso desta plataforma busca a asimilación das boas prácticas da guía por parte do alumnado a través dunha ferramenta de uso habitual entre a xente moza. Así, trasladaranse as recomendacións da guía aos formatos propios de Instagram a través de exemplos reais buscados polas alumnas e alumnos.

 

Comparte esta noticia en redes sociales:
Quizá te interese:
Ofertas de Empleo

Ofertas de Empleo

Actualización diaria de ofertas de empleo, becas, concursos, premios.

En Portada

Síguenos en Twitter

bloque-newsletter

Suscríbete a nuestra Newsletter

Recibe en tu correo electrónico las noticias destacadas de Aragón

Quiénes Somos