-
Este ano os recoñecementos serán de dous tipos: Premio á Responsabilidade Social Empresarial nos ámbitos laboral-económico, ambiental e de acción social e Mención á conciliación
-
O prazo para a presentación das candidaturas manterase aberto ata o vindeiro 17 de xuño de 2019 a través da sede electrónica da Xunta de Galicia
A Xunta de Galicia, no seu interese por promover e difundir a responsabilidade social empresarial, convoca a través da Consellería de Economía, Emprego e Industria a terceira edición dos ‘Premios RSE Galicia’. Estes galardóns teñen o obxectivo de recoñecer o labor das empresas públicas ou privadas galegas, ou con sede ou centro de traballo en Galicia, que teñan implantados na súa xestión principios ou prácticas relacionadas coa responsabilidade social empresarial. Como M. Caeiro, que na última edición foi a empresa máis galardonada con dous premios pola sua contribución nos ámbitos social e medioambiental.
Este ano, os recoñecementos serán de dous tipos. Premio á Responsabilidade Social Empresarial -valorarase á empresa dun xeito integral nos ámbitos laboral-económico, ambiental e de acción social- no que haberá tres categorías: pequena (ata 49 persoas traballadoras), mediana (de 50 a 249 persoas traballadoras) e gran empresa (a partir de 250). Mención á conciliación, a través da que se distinguirá ás iniciativas empresariais que de forma significativa propicien a conciliación laboral, familiar e persoal e a corresponsabilidade.
O prazo para a presentación das candidaturas manterase aberto ata o vindeiro 17 de xuño de 2019. Todas as empresas interesadas deberán realizar a súa solicitude de forma obrigatoria a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. A documentación complementaria necesaria para completar a solicitude deberá presentarse tamén electronicamente.
Estes galardóns carecen de dotación económica e son de carácter honorífico. O seu obxectivo é o de difundir de forma pública o esforzo voluntario que están a facer as empresas galegas en relación á responsabilidade social empresarial para, ao mesmo tempo, sensibilizar a todo o tecido empresarial da comunidade sobre a importancia dunha xestión responsable e sustentable.
As bases reguladoras desta terceira edición atópanse publicadas no Diario Oficial de Galicia (DOG) do martes 16 de abril de 2019.