A Academia Galega do Audiovisual convoca a XXI edición dos Premios do Audiovisual Galego Mestre Mateo como recoñecemento ás obras galegas cuxa primeira comunicación pública teña lugar dende o 1 de decembro de 2021 ao 30 de novembro de 2022 e ós profesionais que traballaron nelas nos seus distintos aspectos técnicos e creativos.
Os Premios Mestre Mateo, como resultado da votación por parte dos académicos e académicas, enmárcanse dentro do exercicio do dereito de liberdade de expresión e supoñen, en consecuencia, unha manifestación dun dereito inherente ó funcionamento correcto do sistema democrático. Desta forma, as opinións das académicas e académicos en forma de votación non son outra cousa que a expresión libre duns profesionais do sector audiovisual que, co seu voto, recoñecen as mellores obras e os mellores profesionais do período sinalado anteriormente en Galicia.
Os premios, a través das normas que conteñen estas bases, intentan conxugar tres elementos básicos: a igualdade de oportunidades ante os premios de todas as persoas que traballan no sector audiovisual, a adecuación á realidade sempre cambiante, e a necesidade de ofrecer ós membros da Academia, e ao público en xeral, unha Gala que sexa un espello atractivo da realidade do sector audiovisual galego.