Aberto o Premio «Contar a Ciencia-la» a estudantes das universidades galegas

  • O prazo para presentar as propostas previas nas que expliquen o bosquexo dunha reportaxe ou entrevista está aberto ata o vindeiro 31 de marzo
  • O gañador ou gañadora do VI concurso recibirá 500 euros en metálico, un smartphone e un diploma acreditativo

Por sexto ano consecutivo bota a andar o Premio de Comunicación Científica Universitaria «Contar a Ciencia-la Caixa», un certame convocado pola Real Academia Galega de Ciencias e patrocinado pola Obra Social la Caixa que busca fomentar o xornalismo especializado en ciencia entre os estudantes de comunicación das universidades galegas. A presentación desta nova edición do premio foi conducida por Eduardo Rolland, director de GCiencia, na Facultade de Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela.

Desde a Xunta, María Jesús Tallón – subdirectora xeral de Promoción Científica e Tecnolóxica Universitaria – incidiu en «reforzar o papel do coñecemento experto para axudar á toma de decisións informadas» respecto aos temas de interese público. E subliñou tamén o papel dos comunicadores neste sentido: «É moi destacable a capacidade e o esforzo de moitos comunicadores para facer comprensibles ao público xeral algúns temas moi especializados».

Anxo Pérez – responsable de Comunicación de Caixabank en Galicia – lembrou o apoio da entidade desde as primeiras edicións de «Contar a Ciencia», no marco de «dúas razóns fundamentais: a difusión do coñecemento científico e, por outra banda, a sensibilidade cara ao xornalismo, un axente esencial para explicarlle á sociedade o que a ciencia pode ofrecer».

Desde a Real Academia Galega de Ciencias, a súa secretaria, Pilar Bermejo, tamén catedrática de Química Analítica na USC, ofreceu unha clase aberta na que puxo de manifesto a necesidade de contar con profesionais da comunicación conscientes e coñecedores da relevancia da ciencia para o progreso da sociedade. Afondou na súa intervención no papel clave que as mozas e mozos comunicadores terán na revolución tecnolóxica que xa estamos a vivir. «Hai que saber diferenciar o gran da palla, e saber escoller e priorizar as fontes solventes entre o mar de ruído e lixo que nos chega sen control por múltiples canles». E neste mesmo punto remarcou a aposta clave da Academia pola divulgación do coñecemento científico xerado en Galicia.

O prazo para presentar as propostas previas está aberto ata o vindeiro 31 de marzo. As persoas interesadas terán que encher un formulario no que expliquen o bosquexo dunha reportaxe ou entrevista. Ao remate deste prazo, GCiencia seleccionará as propostas atendendo aos criterios de maior interese e orixinalidade do tema tratado, calidade expositiva e valor xornalístico, e comunicará a decisión aos participantes elixidos para que comecen a realizar os seus traballos. Este prazo pecharase o 30 de abril, data límite para enviar as entrevistas ou reportaxes definitivas. Unha vez recibidas todas as candidaturas, os traballos publicaranse en gciencia.gal ao longo do mes de maio.

A comezos do mes de xuño emitirase o fallo por parte do xurado. Este estará encabezado polo presidente da Real Academia Galega de Ciencias, D. Juan Lema Rodicio, e estará integrado por representantes da Consellería de Educación, o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), de ‘la Caixa’, o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e GCiencia, así como por un investigador galego de recoñecido prestixio.

O gañador ou gañadora do concurso recibirá 500 euros en metálico, un smartphone Primux e un diploma acreditativo. O xurado escollerá tamén dous finalistas, que recibirán cadanseu equipo de altofalantes portátiles e diplomas acreditativos. O resto de concursantes seleccionados para elaborar os seus traballos tamén recibirán diplomas.

Comparte esta noticia en redes sociales:
Quizá te interese:
Ofertas de Empleo

Ofertas de Empleo

Actualización diaria de ofertas de empleo, becas, concursos, premios.