A actriz, comunicadora e escritora Elba Pedrosa presenta o seu novo libro «Agora que cala a noite». Unha publicación que quere plantarlle cara a violencia de xénero. Para elo, reúne en tres relatos que se entrecruzan, voces de mulleres que berran, que se expresan, que se queixan e que se liberan, rexeitando a violencia machista en todas as súas facetas.
O libro de Pedrosa será presentado este 25N as 20:00h, co gallo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, no auditorio Xosé Neira Vilas de Gaiás Cidade da Cultura en Santiago de Compostela. Un acto no que Elba Pedrosa estará acompañada polo Director Xeral de Cultura, Anxo Lorenzo e a Secretaria Xeral de Igualdade, Susana López Abella. Estará aberto ao público e será conducido pola xornalista Susana L. Carbia. Contará tamén coa actuación do dúo de danza contemporánea ¡Xa. O xoves 1 de decembro, «Agora que cala a noite» será presentado na cidade de A Coruña. Unha presentación na que a autora estará acompañada pola actriz Lucía Veiga na libraría Nobel as 19.30h.