O Ciclo Mestre Mateo chegará ás Comunidades Galegas do exterior. Será grazas a colaboración entre a Academia Galega do Audiovisual e a Secretaría Xeral da Emigración. Unha iniciativa que proxectará con periodicidade mensual as películas finalistas dos premios. Farao en concellos de toda Galicia, aos que a partir de agora se unirán os centros galegos de Berlín, Bos Aires, Caracas, Londres, Madrid, Montevideo, Sevilla e Tarragona.
Álvaro Pérez Becerra, presidente da AGA, agradece á Secretaría Xeral de Emigración o seu apoio nun proxecto «que nos emociona» no ano en que a Academia e os Premios Mestre Mateo cumpren 20 anos. Tamén recoñece o labor «de todas as persoas integrantes das comunidades galegas do exterior, que tanto traballan a prol da nosa cultura de xeito desinteresado». Becerra lembra que, de cara ao final do ano, terá lugar un encontro das salas galegas e das do exterior. O obxectivo non é outro que «escoitar as súas aportacións e aprender das súas experiencias e que esta iniciativa poda seguir crecendo e espallándose».
O Ciclo Mestre Mateo celebrarase de xeito simultáneo en todas as localidades cunha periodicidade mensual, exceptuando os meses de xullo e agosto. A entrada ás proxeccións será de balde. Toda a información sobre programación, horarios e salas estará dispoñible na web ciclomestremateo.gal. É unha iniciativa da Academia Galega do Audiovisual en colaboración coas Deputacións de A Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra e a Secretaría Xeral da Emigración.