- O proxecto de creatividade transformadora de As Peaky Branders revoluciona a cidade de Vigo con medio milleiro de libros doados por vigues@s que serven na súa segunda vida para loitar contra a gordofobia e a cultura da dieta
- Unha acción promocional feita para Outro Conto Vigo, un proxecto de menús semanais a domicilio da cidade olívica, que quere promover unha alimentación saudable e consciente
Malia que nos doia decilo… A publicidade é a responsable do 28% da pegada de carbono dunha persoa no planeta. Polo contrario, ninguén lle pode negar ao sector a capacidade que ten de impactar socialmente con determinadas campañas, pero… Por que non podemos telo todo? Precisamente esa foi a pregunta que se fixo o colectivo de creatividade transformadora As Peaky Branders. E a interrogación trocou en acción, coa súa campaña feita para Outro Conto Vigo. Unha intervención para loitar contra a gordofobia, promover unha alimentación saludable ao tempo que se fomenta a lectura e se cuida ao planeta.
Como se fixo?
Outro Conto é un proxecto de menús semanais a domicilio en Vigo que quere ter un impacto positivo na cidade. Busca promover unha alimentación sana e consciente, facendo activismo contra a gordofobia e a cultura da dieta. Por elo, xunto coas Peaky Branders, decidiron encher a cidade de Vigo de libros e mensaxes contra a gordofobia. Para elo, rescataron medio milleiro de libros doados por viguesas e vigueses para que puidesen ter unha segunda vida.
E os cidadáns e as cidadás levaron unha sorpresa ao pasear polas principais rúas de Vigo. Lugares emblemáticos como a Praza da Constitución, Praza da Princesa, Praza de Compostela, o museo MARCO e ata o mismísimo Dinoseto apareceron ateigad@s de libros de libre disposición xunto con mensaxes de aceptación corporal e loita contra a cultura da dieta e a gordofobia.
As Peaky Branders afirman que con esta acción querían facer unha campaña de baixo impacto ambiental e alto impacto social. “Pensamos na cantidade de contos, libros… que moitas veces acumulamos e que poderían cobrar unha segunda vida. Fixemos un chamamento á cidade e rescatamos medio milleiro de libros que se converteron no soporte publicitario ideal da campaña”.
As Peaky Branders
É un proxecto de creatividade transformadora que ten como obxectivo cambiar o tipo de publicidade que facemos e habitamos. Apostan por unha publicidade con valores, capaz de impulsar cambios sociais e comprometida co seus impacto na industria publicitaria e na sociedade.
Ademáis, As Peaky Branders queren tecer redes de colaboración entre mulleres creativas, priorizando a dirección creativa de todas elas (aínda que son o 51,5% da pirámide creativa, só o 22% das direccións creativas son realizadas por mulleres). Recentemente acaban de traballar na creatividade do último disco de Tanxugueiras “Diluvio” e este é o seu segundo traballo creativo.