- Higinio Meijide, Ana Peón e Luis de la Matta repiten no cargo de conselleiros trala aprobación por unanimidade da renovación do consello de administración da CRTVG
- Traballar pola obxectividade, imparcialidade, veracidade e neutralidade informativa serán parte dos retos que terán que afrontar os novos directivos do organismo
Con 71 votos a favor, o total dos emitidos, o Pleno do Parlamento de Galicia aprobou a renovación do consello de administración da CRTVG. Como novidade, incorpóranse como conselleiros Carme Vidal a proposta do BNG, Irene Viña a proposta do PSdG e Alfonso Cabaleiro a proposta do PPdG.
Cesan no seu cargo Xosé Antón García Ferreiro e Leticia Villar Pumares, que foran propostos polo PSdG. Tamén Beatriz Soler, que fora conselleira polo PPdG. Pola súa parte repiten como conselleiros da corporación de televisión e radio pública galega, a petición do PPdG, Higinio Meijide, Ana Peón e Luis de la Matta.
A novas incorporacións
Carme Vidal
O BNG, que pasa a ter representación de novo no consello de administración da CRTVG, propuxo a xornalista Carme Vidal, quen desempeñaba ata a data o labor de xefa de prensa da vicepresidencia na Deputación da Coruña.
Como xornalista, Vidal traballou en diversos medios galegos escritos como ‘El Correo Gallego’, ‘A Nosa Terra’ e ‘Sermos Galiza’.
Irene Viña
Incorpórase en representación do Partido Socialista de Galicia, é xornalista e ata o de agora exercía como directora de comunicación dos socialistas galegos. Previamente Viña foi redactora da área de Política de Europa Press en Galicia.
Alfonso Cabaleiro
É a nova incorporación a petición dos populares galegos. Cabaleiro foi ata agora director xerente de Galicia Calidade e, anteriormente, exerceu como secretario de Medios no Goberno da Xunta de Galicia, tanto en tempos de Manuel Fraga como de Feijóo.
Un reto por diante
Aos tres novos conselleiros, e os outros tres que renovan no cargo, quedálle por diante un duro traballo para conseguir unha CRTVG plural, publica e de calidade.
Unha CRTVG que defenda a obxectividade, imparcialidade, veracidade e neutralidade informativa, será sen dúbida, as grandes liñas de traballo de estes seis profesionais.