-
Estes premios recoñecen accións publicitarias difundidas ou transmitidas integramente en galego entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2017
-
O prazo de inscrición nesta convocatoria e, así mesmo, de presentación dos traballos que concorren aos premios remata o 11 de outubro de 2018
A Secretaría Xeral de Política Lingüística, o Parlamento de Galicia e o Foro Enrique Peinador convocan a XXV edición dos Premios de Publicidade en Galego co obxectivo de promover o uso da lingua galega no ámbito publicitario.
Os premios incorporan este ano unha categoría extraordinaria que recoñecerá proxectos elaborados por alumnado de centros educativos e que se sumará ás catro que se viñan recoñecendo ata o de agora: radio, televisión, internet e prensa escrita. Nas categorías de radio, televisión, Internet e prensa escrita establécense dúas modalidades de premio: para a empresa anunciante e para a axencia de publicidade autora do anuncio. O premio extraordinario busca recoñecer os traballos realizados polo alumnado dos centros educativos especializados nalgunha das áreas de coñecemento que teñan que ver coa publicidade durante o curso 2017-2018. Os traballos que resulten galardoados unha certificación e mais unha obra artística.
O prazo de inscrición nesta convocatoria e, así mesmo, de presentación dos traballos que concorren aos premios remata o 11 de outubro de 2018 e os premios entregaranse no mes de novembro.
Estos galardóns encádranse nos obxectivos do Plan de dinamización da lingua galega no tecido económico e do Plan xeral de normalización da lingua galega. Ata o ana 2016 os Premios de Publicidade en Galego viñan sendo convocados polo Consello Asesor de TRVE-G e da Corporación da RTVG, agora disolto. Desde 2017 son convocados pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta coa colaboración do Parlamento de Galicia e do Foro Enrique Peinador.
Na pasada edición resultaron gañadores os traballos “Imposible sen ti”, da axencia Tex 45 Producións para Abanca, “Medo a quedar sen datos”, anuncio de Bap&Conde para R e “A túa compra, os teus temazos”, campaña de Internet da axencia Nasas para Gadisa.
Máis información, bases e folla de inscripción, neste link.