-
“A miña relación con Galicia e a miña opción pola súa lingua é simplemente unha historia de amor”
-
No Pleno ordinario da Real Academia Galega tamén se nomeou académica de honra a Marina Mayoral
O Día das Letras Galegas de 2018 está dedicado á escritora e profesora María Victoria Moreno Márquez (Valencia de Alcántara, Cáceres, 1939 – Pontevedra, 2005). Licenciada en Filoloxía Románica en Madrid, María Victoria Moreno chegou a Galicia en 1963, con só 22 anos, como profesora e axiña asumiu a cidadanía en galego, idioma no que enriqueceu as nosas Letras tanto na narrativa -nomeadamente a infantil e xuvenil- como nos estudos literarios, no ensaio, na poesía e na didáctica da lingua e da literatura galegas.
«Eu non son alófona porque o que practico, se é que escribo, podería definirse coma unha amorosa autofonía (…). A miña relación con Galicia e a miña opción pola súa lingua é simplemente unha historia de amor», declaraba María Victoria Moreno, en 1993, no congreso «Poetas alófonos en lingua galega». Dúas décadas atrás, a autora publicara Mar adiante (Edicións do Castro, 1973), o seu primeiro libro en galego (ilustrado por ela mesma), un ano despois de gañar con Crarisa e o luceiro o segundo premio do Concurso Nacional de Contos Infantís do Facho. Con esta primeira novela, a profesora de orixe estremeña convertíase nunha das voces pioneiras da narración en galego destinada ao público máis novo, ao que dedicaría tamén boa parte da súa produción literaria posterior con notable recoñecemento tanto da crítica como do público.
A esta historia de amor entre a autora e a lingua fai referencia a campaña da Xunta de Galicia polo Día das Letras Galegas, na que o plan de medios foi xestionado por Avante Galicia e a creatividade asinada por Idea Creatividad y Comunicación. Para impulsar esta homenaxe, a Xunta de Galicia, a Real Academia Galega, o Consello da Cultura Galega e a CRTVG, en colaboración da familia da autora, promoven unha programación especial de iniciativas diversas por todo o territorio, co fin de dar a coñecer e de poñer en valor a sua obra.
No Pleno ordinario da Real Academia Galega tamén se nomeou académica de honra a Marina Mayoral. Catedrática xubilada da Universidade Complutense de Madrid, novelista e columnista premiada, é autora dun caudaloso labor rosaliano co que levou o nome da escritora fundacional das letras galegas a tribunas académicas de todo o mundo. A súa primeira grande achega é a súa tese de doutoramento, La poesía de Rosalía de Castro (Madrid, Gredos, 1974), prologada polo profesor Rafael Lapesa, á que seguiron outros estudos e edicións de diferentes títulos da escritora. O universo literario de Emilia Pardo Bazán débelle tamén edicións e investigacións que a converten nunha das grandes autoridades na autora coruñesa. Como narradora, é autora de máis de vinte títulos. Algúns deles, publicados orixinalmente en galego, ademais de moi reeditados, foron traducidos a varios idiomas: Unha árbore, un adeus, Chamábase Luís, Tristes armas, Quen matou a Inmaculada Silva?