- Ante as restricións de mobilidade e distanciamento social, En Negro Contra As Violencias fundamenta a súa campaña no activismo virtual
- Preténdese unir forzas e tinguir de negro, non só os establecementos, senón tamén as casas, as rúas e as redes sociais
Cinco anos pasaron xa desde a primeira campaña de En Negro Contra As Violencias, diseñada por Uqui Permui no ano 2015 para o Concello de Santiago co galo do Día Internacional contra a Violencia de Xénero. Crecendo e involucrando edición tras edición a un maior número de persoas, e chegando a expandirse de forma viral mesmo fóra de Galicia, buscou dende o seu inicio implicar ao tecido económico, asociativo, educativo, deportivo, social e cultural do noso país, así como a toda a cidadanía, e apostouse por identificar, transmitir e incidir nos comportamentos e expresións verbais que están detrás das violencias de xénero.
Na sua quinta edición, a acción colectiva de sensibilización social para loitar contra as violencias machistas conta coa participación de 2 deputacións (Pontevedra e Lugo), 140 concellos, 210 empresas, 155 colectivos e 72 centros de ensino. En total, preto de 500 entes mais miles de establecementos que apoiaron durante estes anos a acción cubrindo de negro os seus escaparates e lugares de traballo. Bravo por todos eles!
Nesta dura crise sanitaria, durante a que a pandemia obrigou ao confinamento domiciliar, lonxe de mellorar a vida de moitas mulleres fíxose, se cabe, máis difícil. Así o denunciou a Organización Mundial da Saúde (OMS), instando ós gobernos a tomar medidas urxentes de prevención para facilitar, deste xeito, a asistencia ás mulleres que se puideran atopar en situación de vulnerabilidade ou perigo.
Propostas globais
Algunhas das propostas globais postas en marcha pola plataforma que pretende poñer fin ás diferentes formas de violencia contra as mulleres polo simple feito de selo son: distribución de máscaras (co deseño que xa se pode descargar na web), pezas audiovisuais, accións con tecedoras, así como a creación de ferramentas colaborativas para recoller as voces das mulleres, como será o lenzo a modo de pancarta virtual que colgarán na web, un proxecto procesual –ideado polo colectivo de Gráficas en Negro– que aposta pola aprendizaxe colectiva.

Compostela cóbrese de negro
Santiago de Compostela cóbrese de negro cun gran lenzo desa cor, símbolo de loito e de loita. A tea, a modo de baliza protectora, entra e sae das casas unindo á veciñanza, e percorrendo toda a cidade grazas a colaboración das veciñas da capital galega.
Unha única grande acción
En Negro Contra As Violencias demostrou ser unha ferramenta moi útil para que os concellos –grandes e pequenos– puidesen implementar, desde o mesmo marco, diferentes iniciativas que na suma total constituísen unha única grande acción. Este ano, preténdese do mesmo xeito unir forzas e tinguir de negro, non só os establecementos, senón tamén as casas, as rúas e as redes sociais. Conscientes das dificultades actuais para organizar accións presenciais, este ano centraranse os esforzos en actividades virtuais.
Estas accións axudan tamén a crear pontes, así este ano contan coa participación dun colectivo de México, Global Shapers, dende o que están a traballar para tinguir de negro o centro de Morelia.
Igual que en anos anteriores, o proxecto a nivel global, conta co patrocinio de Gadis e Finsa, garantindo a coordinación e o desenvolvemento das accións globais e co apoio das deputacións de Pontevedra e Lugo para os seus respectivos territorios.
O deseño será feminista ou non será
O ano pasado xurdía Gráficas en Negro, o colectivo de deseñadoras unidas por unha mirada feminista sobre a profesión do deseño co obxectivo de denunciar a complicidade de quen perpetúa, a través da práctica do deseño, un imaxinario colectivo desigual e machista, que permite e xustifica estas violencias e silénciaas.
Compartimos con vos o vídeo de presentación: