-
Televisión de Galicia fará esta retransmisión en directo desde a praza do Obradoiro en Compostela
-
Mera foi a protagonista da serie “O sabor das margaridas”, emitida no outono, e Díaz leva cada semana os mellores produtos á mesa dos “Larpeiros”
Xosé Ramón Gayoso despedirá este 2018 acompañado da actriz María Mera e do presentador Adrián Díaz. Os tres serán os protagonistas das badaladas de fin de ano que a Televisión de Galicia está a preparar para a noite do 31 de decembro, a partir das 23.55 h.
As doce badaladas que anuncian o Aninovo serán seguidas en directo desde a praza do Obradoiro, en Santiago de Compostela, e soarán simultaneamente coas do reloxo da Porta do Sol de Madrid.
Este ano, o presentador de ‘Luar’ terá unha dobre compañía, en que non faltarán os sorrisos, o bo humor e, por suposto, a información precisa para aclararlles a todos os espectadores o momento oportuno, despois dos famosos cuartos, para comer as doce uvas da sorte. O anuncio foi feito no «Luar» de onte pola noite.
A actriz María Mera, protagonista da serie ‘O sabor das margaridas’, un dos éxitos deste outono na TVG, e o presentador Adrián Díaz, que cada semana percorre as hortas, as granxas, as lonxas ou os mercados para levar os mellores produtos frescos á mesa dos ‘Larpeiros’, formarán un grande equipo xunto a Gayoso para despedir o ano con todos os galegos.