En 2006 nacía a Asociación Galega de Deseño, DAG, co obxectivo de converterse no altofalante para difundir o traballo que se estaba facendo no deseño galego. Un organismo que traballa polo ben común dos deseñadores aglutinando aos profesionais do sector e dando visibilidade ao labor que leva a cabo en Galicia. 14 anos despois, a DAG case duplicou o número de asociados, son 60 agora mesmo, e adquiriu un posición de peso, organizando, por exemplo, o FEED, o Foro de Deseño que se celebra cada dous anos e que pon o foco sobre os nosos profesionais en todos os ámbitos do deseño. Recentemente, renovaban a súa xunta directiva. Caras novas que se unen a un proxecto continuista da man da súa presidenta, Irene García, coa que coñecemos máis en profundidade o labor da DAG.
Repites como presidenta, con María Agra como vicepresidenta, pero a Xunta Directiva renova algunhas caras. Que obxectivos vos marcades para os próximos dous anos?
No 2018 asumín a presidencia con ilusión, formando equipo con compañeiros e compañeiras moi ligados á asociación e con ganas de traballar e mellorar en todos os sentidos; e este ano, vendo que aínda quedaban cousiñas por facer repito no cargo coa mesma ilusión para afrontar os novos retos. Nesta andaina, como ben dis, repiten María Agra como vicepresidenta e Adrián Parcero, agora como secretario, Xosé García como tesoureiro e Lois Guillán, Simón Villamayor e Daniel Bembibre como vogais. Uníronse Noelia Fernández, Olaia Rodríguez e Antonio Doñate, tamén como vogais, para afrontar esta nova etapa. Un equipo de perfís diferentes que permite complementarnos nos procesos de toma de decisión.
Os obxectivos principais que cumpre a DAG mantéñense ano tras ano mudando as formas de facelos presentes. Un que consideramos necesario é visibilizar a asociación e ofrecer aos nosos asociados e asociadas como profesionais de referencia en Galicia, intervindo na medida do posible nos cambios sociais e económicos que se producen na nosa comunidade. O deseño ten valor de seu e aquelas entidades que coidan este aspecto engaden valor á súa actividade.
Por outra banda, difundimos as boas prácticas de contratación de profesionais do deseño priorizando a fórmula de “chamada a proxecto” que tanto defendemos desde DAG e READ, entidade a nivel nacional á que pertencemos. Un caso moi recente foi a renovación da imaxe do Museo de Pontevedra que se contratou precisamente con esta fórmula e agardamos que sexa un punto de partida para que o resto de institucións públicas e privadas reflexionen e deixen de convocar concursos especulativos de deseño que non fan outra cousa que restarlle valor á nosa profesión.
Participar das comunidades educativa e empresarial de Galicia é fundamental e queremos incrementar as nosas relacións con elas, presentando a DAG, aos nosos asociados e os proxectos que desenvolvemos. Estaremos máis presentes como entidade profesional de referencia e poderemos traballar conxuntamente na mellora da sociedade galega, atendendo ás demandas que xurdan.
E seguiremos organizando actividades e eventos tanto para asociados e asociadas como abertos ao público, para compartir experiencias e coñecer liñas de traballo, facer debate sobre cuestións que nos preocupan como profesionais, participar de proxectos que poidan ser de interese xeral e facer comunidade. Levamos case 14 anos en activo e pouco a pouco fomos xerando unha gran familia do deseño. Mais, está claro que cantos máis sexamos, máis presentes estaremos e máis peso terá a nosa voz.
Que cota de valor achegades aos vosos socios e por que os deseñadores galegos deberían formar parte da DAG?
A DAG é a única asociación de deseño en Galicia e aglutina a profesionais de múltiples disciplinas, tales como o deseño gráfico e web, o deseño UX/UI, o deseño industrial, o deseño editorial, o deseño de espazos, o deseño estratéxico ou o deseño de servizos. Temos compañeiros e compañeiras cunha ampla experiencia profesional e xente nova que ten ganas de compartir e aportar.
Estando en DAG os e as profesionais tamén forman parte da READ, Rede Española de Asociacións de Deseño, e de BEDA, Bureau of European Design Associations. A través deles a DAG é partícipe de programas e proxectos de investigación para a promoción e o fomento das figuras do deseñador e da deseñadora en todos os ámbitos (cultural, social, económico, tecnolóxico…). Polo que podemos presentar candidaturas para as diferentes chamadas a proxecto que se fagan neste eido.
Os asociados e asociadas á DAG acadan descontos na incricións de traballos en concursos de deseño nacionais e internacionais como os LAUS, CLAP, Anuaria ou European Design Awards. Tamén na compra de libros en editoriais especializadas e nas entradas a congresos, foros, cursos de formación ou eventos relacionados co deseño e coa comunicación. Todos os acordos firmados entre READ e outras entidades tamén repercuten na DAG.
Levamos varios anos renovando con Sistemius, asesoría xurídica especializada en protección de datos, propiedade intelectual e protección xurídica dos deseños, un desconto na contratación dos seus servizos.
A nosa web é un escaparate tamén para amosar os traballos e os proxectos dos asociados e das asociadas, onde cada quen ten un perfil público que permite á busca do ou da profesional máis acorde ao servizo que se demanda desde as empresas e institucións. De feito, é recurrente que estes organismos acudan a este directorio para buscar profesionais de referencia.
Participamos de eventos organizados por terceiros e iso aporta tamén visibilidade aos nosos asociados e asociadas: congresos, coloquios, foros, charlas ou encontros de deseño, como os organizados por GAIN dentro do Programa Deseño para a Innovación 2020, entidade coa que colaboramos desde o 2018.
E, por último, na DAG temos un foro interno onde calquera asociado ou asociada pode expoñer dúbidas, informarse de actividades con desconto ou gratuítas, unirse aos grupos de traballo para participar nos proxectos que desenvolvemos… Unha canle de comunicación directa e exclusiva.
A nosa web é un escaparate tamén para amosar os traballos e os proxectos dos asociados e das asociadas, onde cada quen ten un perfil público que permite á busca do ou da profesional máis acorde ao servizo que se demanda desde as empresas e institucións
Como vivistes desde o voso sector a crise do coronavirus?
Pois está claro que a crise sanitaria, económica e social que estamos aínda sufrindo comezou de xeito moi inesperado para todos e todas nós e loxicamente afectou aos nosos compromisos profesionais. A experiencia dos nosos asociados e asociadas ao longo destes meses de confinamento foi variada. Hai que ter en conta que a maior parte dos profesionais do deseño en Galicia son autónomos ou pemes de menos de 10 empregados; onde hai moitos estudios de 2 ou 3 persoas. Algúns tiveron que dar de baixa a actividade, outros continuaron en activo asumindo o parón de proxectos e incluso a cancelación, e algúns viron incrementado o seu negocio ante a demanda de servizos e produtos de nova creación específicos para a COVID-19.
Hai incluso casos de empresas relacionadas coa cadea de valor do deseño que se adaptaron para producir máscaras ou material sanitario para axudar a paliar a escaseza inicial que houbo.
Desde a DAG seguimos comunicándonos cos nosos asociados e asociadas para coñecer de primeira man como lles afectaba a situación, facendo un seguemento; mais continuamos con certa rutina o traballo interno, comunicando en redes sociais, difundindo contidos novos e recollendo impresións dos diferentes eventos online que foron xerándose para tratar a problemática actual e ver como o deseño pode contribuír a mellorar a vida das persoas, tamén en crises coma esta.
Houbo iniciativas de grande interese e moita repercusión e sumámonos a algunhas reclamacións públicas para que a administración local e nacional tivera en conta a experiencia do noso sector para aportar solucións e buscar alternativas para saír o antes posible da crise. Isto foi algo que nos sorprendeu a todos, niguén se imaxinaba que algo así podería chegar e foi rápido e invasivo. Polo que cómpre estar preparados, sentar as bases do que hai que facer para non chegar de novo ao caos.
Queremos agradecer aos nosos socios e socias pola súa actitude respecto da DAG, porque o apoio foi igualmente intenso e mantivemos o grupo unido. Incluso houbo iniciativas de participación e solicitudes de alta e iso sempre é unha alegría. Enténdese que se transmite confianza e que hai xente con ganas de aportar.
Desde a DAG, reivindicades as boas prácticas na contratación de deseño, que características ten que cumprir para estar dentro dos canons desas boas prácticas?
Garantir un traballo de calidade implica a contratación dun profesional. Do mesmo xeito que cando queres arranxar os dentes acudes a un ou unha dentista, o deseño require de seguridade e dun resultado adaptado ás necesidades do cliente. Nos directorios das diferentes asociacións de deseño ou nas páxinas web persoais dos e das deseñadoras, calquera empresa ou entidade que precise solventar un problema de deseño pode contratar o perfil profesional que mellor lle conveña.
Desde DAG e as asociacións que conformamos READ, defendemos tamén a fórmula denominada “chamada a proxecto”, que está sendo utilizada por entidades privadas e tamén na administración pública como fórmula de contratación do deseño sen ter que convocar un concurso aberto. Hai xa moitos casos de boas prácticas que o resto de administracións e entidades poden ter de exemplo, como un procedemento que funciona e valora á figura do deseñador e da deseñadora.
Nesas chamadas a proxecto, a encarga debe estar ben definida, explicando os traballos a desenvolver e os prazos máximos, tendo en conta os tempos de produción e os cumprimentos de dereitos de autor. Os e as profesionais interesados/as presentan candidatura entregando á organización unha carta de motivación, un dossier de traballos relacionados coa encarga e un currículum vítae coa traxectoria profesional. Un xurado profesional retribuído escollerá a mellor candidatura. Se a entidade convocante considera que precisa de varias propostas para a toma de decisión, éstas serán seleccionadas tamén polo xurado profesional de entre todas as candidaturas achegadas e deberán presentar unha proposta inicial do proxecto. As propostas seleccionadas serán remuneradas cunha cantidade previamente estipulada, prevendo unha asignación maior para a proposta elixida para desenvolver o resto do proxecto. Con todo, a remuneración ten que ser adecuada ao traballo desenvolvido.
Desde a DAG ofrecémonos como asesores nas boas prácticas de contratación do deseño, polo que calquera entidade pública ou privada que o precise pode contar con nós para guiala na presentación das ofertas.
Falades de achegarvos máis aos centros educativos para expoñer a necesidade do uso do deseño, considerades que se nos educa da maneira correcta para desenvolver unha mente creativa?
Non considero que poida dar resposta a esa parte final da pregunta mais creo que a educación regrada ten que axudar a que os rapaces e rapazas sexan expresivos, que non se sintan cohibidos e que teñan curiosidade por facer cousas, buscar información, coñecer a historia, ter inquedanzas, traballar en equipo, acomodarse as ideas dos compañeiros, cuestionarse, viaxar e coñecer o mundo que lles rodea… As referencias son fundamentais para o desenvolvemento persoal e iso axuda na selección duns estudios superiores ou outros. As persoas poden ser creativas en moitos entornos profesionais e cada vez demándanse máis perfís creativos para traballar en equipos multidisciplinares. Sempre teremos necesidades novas que cubrir e inventos que materializar.
A idea da DAG de achegarse á comunidade educativa e empresarial é para que se coñeza o traballo que se fai en Galicia no sector deseño (gráfico, web, de produto, de servizos, UX/UI ou estratéxico), desde o punto de vista da asociación e tamén desde a visión dos propios deseñadores e deseñadoras; o que aporta o deseño aos procesos produtivos das empresas galegas e a importancia que ten deseñar bos produtos ou servizos que despois teñen que ser usados por outras persoas. E tamén establecer relacións fortes entre uns sectores e outros porque todos participamos de todo e somos clave no desenvolvemento da nosa comunidade. O deseño vai máis aló do que finalmente ve o usuario final do produto ou servizo que se deseña e cómpre poñer en valor o que podemos aportar.
A idea da DAG de achegarse á comunidade educativa e empresarial é para que se coñeza o traballo que se fai en Galicia no sector deseño
Moitos eventos dos distintos sectores ven afectados polos efectos da pandemia, non así o FEED, que ao ser bianual, celebrarase en 2021. Xa estades a pensar na sexta edición e valorando posibilidades para o caso de que non puidese celebrar de maneira “normal”?
Efectivamente, o FEED é un evento que organizamos cada 2 anos e que se converteu nun referente de encontro entre profesionais e estudantes de deseño. O vindeiro será no 2021 e directamente non estará afectado pola COVID-19, ou si, quen sabe! É cedo para organizar algo e agardaremos ata finais de ano para empezar a traballar nelo. O que si podo dicirche é que a partir da primavera de 2021 DAG asume a presidencia de READ na persoa de Uqui Permui e con elo a organización dos IX e X ENAD, Encontros Nacionais de Asociacións de Deseño. É todo un reto para nós poñer o foco do deseño nacional en Galicia o ano do Xacobeo 2021, polo tanto temos que valorar se o FEED pode desenvolverse igualmente ou temos que facer un evento no que ambas opcións sexan viables. Como digo, aínda temos moito que planificar e analizar. Pero está claro que esta crise obligounos a repensar todo, en todos os sentidos, e teremos en conta todas as opcións posibles se queremos seguir xerando comunidade.
En Extradixital sempre falamos do talento galego, e o caso do deseño non é unha excepción, crees que está valorado ese talento?
Hai moito talento local, compañeiros e compañeiras que están facendo cousas moi interesantes e que teñen gran proxección internacional, traballando para empresas de gran peso social; xa non soamente a nivel de “produto rematado”, senón a nivel de deseño de procesos, de deseño estratéxico, asesoramento especializado…
Pouco a pouco, despois de traballalo moito, desde DAG temos a sensación de que se recoñece o traballo que se fai en Galicia e que competimos ao nivel doutras comunidades más intensivas e con maior traxectoria de profesionais do deseño asociativo, como poden ser Madrid, País Vasco, Valencia ou Cataluña. Os premios nacionais ou internacionais que algúns dos nosos asociados e asociadas acadaron ao longo destes últimos anos son un referente fundamental de calidade e en DAG estamos moi orgullosos de representalos como asociación.
Seguiremos traballando para que o recoñecemento sexa maior e máis continuado porque as novas xeracións veñen pisando forte, con iniciativa e determinación, polo que estamos seguros de que isto é o punto de saída e temos moito que festexar aínda.
Mais os premios son unha consecuencia do talento e contratar a profesionais galegos en Galicia debería ser prioritario. Non hai necesidade de acudir fóra para desenvolver proxectos de deseño porque aquí temos formación, temos potencial e temos grandes profesionais; polo que o noso deber como DAG é seguir visibilizando todo iso para que as empresas e as institucións contraten en casa.
A partir da primavera de 2021 DAG asume a presidencia de READ na persoa de Uqui Permui. É todo un reto para nós poñer o foco do deseño nacional en Galicia o ano do Xacobeo 2021
O Clúster de Comunicación, Creatividade Galega, Markea, dircom Galicia, como é a vosa interrelación coas outras asociacións?
Formamos parte da Xunta Directiva do Clúster da Comunicación durante dous anos e medio e participamos das actividades que se organizaban entón, como o Foro da Comunicación, os Premios Paraugas e a revista Rúbrica, onde sempre tivemos un espazo para expresarmos. Durante ese tempo convivimos con representantes de Markea, Creatividade Galega e Dircom Galicia, cultivando os mesmos intereses. Formar parte da Xunta Directiva exixía tamén unha adicación especial e esforzos de organización que preferimos focalizar na DAG, polo que en 2018 decidimos renunciar para priorizar os obxectivos asociativos. A relación segue sendo boa e de compañeirismo, polo que se podemos axudarnos facémolo, sobre todo na difusión de contidos de interese para os e as profesionais.