-
Ca idea de ofrecer alternativas aos xigantes da venda online, Arela Comunicación Sostible publica unha listaxe con máis de 100 ecommerce galegos
-
“Mercar nas tendas en liña galegas e recomendar os seus produtos, tamén é defender o comercio local”
A axencia Arela Comunicación Sostible ven de publicar unha LISTAXE de máis de 100 pequenos e medianos ecommerce galegos que están traballando moi duro para conseguir visibilidade fronte aos xigantes da venda online, desenvolvendo a súa actividade e xestionando pedidos a diario dende Galicia para todo Europa e parte do mundo, e creando postos de traballo que contribúen ao futuro de pequenas vilas e pobos.
Para xestionar unha tenda online non é preciso estar nunha gran cidade, polo que nesta listaxe aparecen ecommerce repartidos por toda a xeografía galega. Cervantes, Allariz, Vilardevós, Bueu, Fisterra, Poio ou Mondoñedo sitúanse no mapa do comercio electrónico de Galicia con produtos e servizos que van desde alimentación, artesanía, beleza, decoración ou libros, ata mascotas, moda, música, tecnoloxía, viaxes ou xogos.
As compras online forman parte do noso día a día como consumidores, pero son os grandes marketplaces e multinacionais os que concentran a facturación e as vendas, xa que os usuarios deixamos de comprar nas nosas tendas de proximidade porque consideramos que é máis rápido e fácil comprar en Amazon ou AliExpress.
Pero en Galicia temos unha gran rede de alternativas locais, con moi boas ideas e con produtos de gran calidade. E desde Arela queren transmitir a mesaxe de que «mercar nas tendas en liña galegas e recomendar os seus produtos, tamén é defender o comercio local.»