María Obelleiro: «Lonxe do ‘McXornalismo’, apelo sempre á responsabilidade»

O día 2 de xaneiro deste ano saía á luz Nós Diario: un xornal en papel, en cor, en galego e cunha aposta pola independencia informativa, asegurando que a axenda non viría marcada desde fóra. O Consello de Administración de Sermos Galiza poñía o proxecto en mans de María Obelleiro, que se convertía na segunda muller que dirixía unha cabeceira en Galicia. Xornalista de destacado percorrido por publicacións galegas, era a encargada de poñer en marcha un novo medio con presenza diaria nos kioskos e de que o semanario Sermos Galiza, do que era directora, convertésese no acompañante perfecto para os sábados. Un medio mozo que nacía con vocación de ser un referente no panorama mediático de Galicia e ao que lle chegou de cheo a crise do Coronavirus con pouco tempo de vida.

Pouco máis de catro meses despois de saír a primeira publicación , cúmprense as expectativas que tiñades ao comezar o proxecto? É posible un xornalismo socialmente responsable?

Neste mes de maio sumamos xa cen números de Nós Diario. Cumprimos as expectativas en canto somos o único diario en papel que pode atoparse nos quiosques en galego e cun enfoque galego da información, cunha axenda de temáticas propias, que non veñen importadas de fóra. Nós Diario practica ese xornalismo socialmente responsábel, honesto, con información contrastada e podemos facelo polo noso modelo financeiro. Somos un medio independente e por iso podemos practicar un xornalismo que só ten que render contas perante a verdade e perante o seu conxunto de subscritoras e subscritores. Mais para isto é imprescindíbel que as lectoras e lectores vexan Nós Diario como un proxecto necesario e sigan facéndoo posíbel. Agora, malia a crise que comeza e unha vez sentadas as bases do diario, imos pór todo da nosa parte para que o número de subscritoras e subscritores sexa maior, co fin de poder ofrecer máis xornalismo. Un xornalismo desacomplexado, alternativo e rigoroso.

Levamos anos escoitando iso de que o papel vai desaparecer, que a edición online é o futuro; ademais, a primeira onda do EXM deste ano reflicte, unha vez máis, unha baixada de lectores na prensa tradicional. Hai futuro para as edicións impresas?

É algo cíclico. Lembro que cando estudaba Xornalismo, na Universidade de Santiago de Compostela, as profesoras e profesores explicábannos que cando nacera a televisión, prognosticaban a fin da radio; o mesmo cando nacera internet: prevíase a fin da televisión e, máis recentemente, volvemos asistir a esta mesma visión apocalíptica cando apareceron os libros electrónicos, momento en que se agoiraba a fin dos libros en papel. A chave está, no meu punto de vista, en adaptármonos aos tempos e en practicar un xornalismo multiplataforma ou multisoporte, de maneira que se poidan aproveitar as sinerxías entre o medio dixital e o medio en papel. O futuro camiña cara á dixitalización, mais mentres continúe a haber medios en papel é necesario, e tamén xusto, que as lectoras e lectores poidan atopar nos puntos de venda un diario en papel galego. E por galego refírome a un diario escrito en lingua galega mais non só, que practique un xornalismo galego, coa ollada posta na Galiza e que olle o mundo desde nós.

O semanario “ Sermos Galiza” véndese agora os sábados co diario, como está a funcionar como acompañante de Nós Diario? Sentoulle ben o cambio?

Mudou de maneira considerábel a respecto do produto que era, mais o cambio beneficiouno, pois gañou en visibilidade e en vendas. Dalgunha maneira, complementa o diario en papel, con reportaxes e entrevistas amplas, e cun amplo abano de seccións. Trátase dun medio que permite unha lectura máis repousada que un diario, con apartados que se poden poñer en práctica na propia fin de semana, como a sección “Andar e Ver”, coa que se percorre Galiza, ou coa de cociña e viños.

En televisión e en radio, as mulleres en postos de dirección de programas ou sendo a cara visible é cada vez máis habitual. En prensa, en cambio, en Galicia só dúas mulleres están á fronte dunha cabeceira: Carmen Merelas, directora da Opinión da Coruña, e ti. Unha ‘rara avis’, pero está a cambiar a tendencia?

Lamentabelmente, seguimos sendo “rara avis”. Convido a todas as lectoras e lectores a abrir calquera diario e ver a mancheta, as persoas responsábeis dos medios. Poderán comprobar como son os homes os que adoitan, salvo honrosas excepcións, ocupar os postos de dirección e as xefaturas e, conforme baixamos a escaleira, aparecen as mulleres. Con frecuencia, as mulleres somos maioría nas redaccións mais a realidade é que o chan pegañento segue a impedirnos promocionar. Aínda que hai lixeiras mudanzas, seguimos vivindo nunha sociedade profundamente patriarcal e iso tamén se percibe no día a día, no desempeño da nosa función.

Nós Diario é unha publicación con poucos meses de vida, como vos afectou esta crise xerada polo coronavirus, especialmente no aspecto dos ingresos por publicidade?

Non é doado pór en marcha un proxecto como este e rodalo. Xusto cando estabamos collendo ritmo e coa maquinaria engraxada, estala a crise do coronavirus, que impide que poidamos traballar como nos gustaría. O feito de teletraballar no último mes e medio provócanos atrasos no proceso de sacar o diario de martes a sábados, mais non baixamos os brazos, ao contrario, nas próximas semanas imos facer públicas mudanzas das que seguro que gostan as lectoras e lectores. En canto á publicidade, notamos unha caída nos ingresos, como lles acontece ao resto dos medios de comunicación. A publicidade é unha das partidas que antes se recortan nas empresas cando se producen caídas nas facturacións. Confiamos en que as subscritoras e subscritores sigan a apostar por Nós Diario e por afortalar máis esa rede de apoios que fai posíbel o diario en papel e o diario dixital.

Nestes tempos, a información convértese nun alicerce importante para a sociedade. Como crees que se está tratando mediaticamente a crise sanitaria?

Pois non co mesmo rigor nin coa mesma seriedade en todos os medios de comunicación, mais non é algo que resulte estraño. O xornalismo sensacionalista, o superficial, o que cae no clickbait… non é de hoxe, vén de moito tempo atrás. Penso que é importante non deixarnos levar pola ditadura da última hora nin por limitarnos a reproducir datos e notas de prensa sen antes interpretalos. Lonxe do “McXornalismo”, eu apelo a un xornalismo responsábel en todas as circunstancias, non só cando se produce unha crise ou un acontecemento puntual. Como axentes de socialización, debemos fornecer as lectoras e lectores de elementos que os axuden a comprender mellor o que acontece.

No lado oposto á información están os bulos, as ‘ fakes news’, que nestes casos adoitan ter máis repercusión que a información veraz, especialmente nas redes sociais. É a desinformación interesada o gran inimigo do xornalismo do noso tempo? Sairá ferida a credibilidade dos medios despois desta crise?

Desinformación por saturación de datos. Ese si que é un grande inimigo, como o xornalismo de redes sociais, aquel que non se contrasta. A desinformación vén de vello e exemplos hainos continuamente, de aí a falta de credibilidade, mais non só nesta crise da COVID-19. É fundamental que se practique un xornalismo, como apuntabamos antes, socialmente responsábel, honesto, rigoroso, veraz. Factores que deben aplicarse en calquera outro momento porque as manipulacións, informacións falsas e deturpacións non só afectan ao que respecta ao coronavirus. Todo isto lévanos a algo que me resulta preocupante e que ten a ver coa pregunta formulada polo Goberno estatal no último CIS, cando se deixaba caer a necesidade de que as informacións procedan só de fontes oficiais. Paréceme moi grave e perigoso que, baixo a escusa dos medios anti-Goberno (de feito, xornais ultraespañolistas e de ultradereita sempre os houbo), se trate de coartar, aínda máis, as liberdades e dereitos fundamentais. Por outra banda, para rematar, penso que é de interese introducir nos medios mecanismos de transparencia e integridade mais, sobre todo, é imprescindíbel a convicción de que, para nos erixir nunha sociedade libre, necesitamos unha prensa libre, incorruptíbel e independente.

Comparte esta noticia en redes sociales:
Quizá te interese:
Ofertas de Empleo

Ofertas de Empleo

Actualización diaria de ofertas de empleo, becas, concursos, premios.

En Portada

Síguenos en Twitter

bloque-newsletter

Suscríbete a nuestra Newsletter

Recibe en tu correo electrónico las noticias destacadas de Aragón

Quiénes Somos