- Os profesionais do sector comparten estes días nas súas redes sociais o hashtag #NonNosCanceles para reivindicar o seu traballo
- Piden que se manteñan as contratacións para minorar o impacto da crise do COVID-19 e que se cambien as datas en lugar de anular os eventos
A crise do COVID-19 está a afectar a todos os sectores laborais do país e co paso das datas, todos alzan a voz para tratar de loitar contra os efectos negativos que terá a nivel económico o confinamento derivado do estado de alarma na economía global e individual. Desde o mundo da cultura galega, ese berro para facerse ver e non caer no esquecemento fíxose en forma de hashtag: #NonNosCanceles.
Desde o pasado seis de abril, son moitos os profesionais do sector que compartiron publicacións nas súas redes sociais con esta etiqueta como bandeira, moitas veces acompañado por un texto no que, baixo o título “O noso futuro non pode ser cancelado”, piden que os espectáculos ou eventos non sexan anulados, senón que se traslade a data con vistas a un futuro próximo no que se recupere a normalidade para non prexudicar aos miles de traballadores que viven do sector cultural.
“Todas as artes están agora mesmo sufrindo na súa pel a cancelación de toda actividade. O sector cultural galego reclama o coidado, o acompañamento e comprensión do público que o aplaude e das administracións que deben servir para axudar a que soportemos un golpe desta magnitude. Milleiros de artistas en xeral, promotores, produtoras, axencias de representación, persoal técnico de son, luces e montaxe, cámaras, seguridade…. e un longo etc. de profesións que sufrimos un paro indefinido e sen apenas soporte corto-medio prazo”, explican no texto, ademais de reclamar de maneira urxente que se tomen medidas de compensación para un sector sen axudas específicas. “Fomos os primeiros en saír da escena e non queremos ser os últimos en entrar, o noso futuro non pode ser cancelado», conclúen.
Actores como Sergio Pazos, Monti Castiñeiras ou Sonia Méndez quixeron facer visible o seu apoio a estas peticións, así como directores de teatro, como é o caso de María Armesto, directora artística da Mostra Internacional Teatro Cómico-Festivo Cangas; tamén desde o Morrazo, o Concello de Moaña tomou boa nota e a alcaldesa Leticia Santos a través dun vídeo colgado nas redes sociais, anunciou que aprazan eventos, como o Varadero Fest, a Feira EcoArtesá ou a Feira da Diversidade, para mostrar así un “compromiso coa cultura deste pais e coas persoas que a crean”.
O director e fundador de Esmerarte, Joaquín ‘Kin’ Martínez Silva, tamén presidente da Federación da Música en España, significouse desde o sector musical, asegurando que a sanidade é o primeiro, e que a música “saberá facerlles a homenaxe que se merecen estes heroes. Pero para iso temos que subsistir, e por iso, necesitamos que se nos escoite, ás veces só coa adecuada xestión gañamos todos…” nun texto publicado no seu perfil de Instagram.
APAGAMENTO CULTURAL
Para esta fin de semana, convocouse un apagamento cultural en internet para reclamar máis axudas ao goberno ante a crise do Coronavirus. Unha convocatoria a nivel nacional encabezada pola Unión de Actores que tivo críticas mesmo dentro do propio sector; Paco León, Tristán Ulloa, Juan Gómez Xurado e Daniel Guzmán, entre outros, desmarcáronse desta convocatoria poñendo en dúbida que fose o momento adecuado para tomar estas medidas.
Finalmente, o apagamento virtual, que debería comezar o venres 10 de abril, cancelouse ás poucas horas ao anunciar que a ministra de Facenda, María Jesús Montero, e o ministro de Cultura, José Manuel Rodríguez Uribes, reuniranse con representantes do sector ao longo desta semana.