O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia convoca, en colaboración con Gadis, a terceira edición do premio ‘Somos Esenciais’. Un galardón dotado con 1.500 euros que este ano amplía temática. Baixo o lema «A información ao servizo da xente», ábrese a xornalistas e fotoxornalistas que publicaran información de temática social en Galicia no último ano. O prazo de presentación de candidaturas estará aberto ata as 14.00 horas do xoves 27 de abril de 2023.
O obxectivo do premio «Somos Esenciais» é recoñecer o labor dos e das profesionais da comunicación e a información social como vehículo condutor entre o que pasa na sociedade e a cidadanía. Xornalistas e fotoxornalistas que dan voz aos problemas dos axentes sociais e aos efectos que causan. A III edición quere premiar o mellor traballo informativo de temática social, e a el poderan optar todos os e as xornalistas e fotoxornalistas que publicaran información de temática social en Galicia ao longo do ano 2022.
As candidaturas ao premios «Somos Esenciais» deben presentarse antes das 14.00 horas do xoves 27 de abril a través do correo electrónico xornalistas@xornalistas.gal. Deberán estar acompañadas da ficha de inscrición, ademais do traballo en pdf, formato de imaxe ou arquivo de vídeo ou audio, segundo corresponda. De ser o caso, acompañarase tamén dunha ligazón para localizar o traballo na rede. Establécese un único premio de 1.500 euros, aínda que o xurado poderá facer as mencións especiais aos traballos que considere oportunos.