-
#NonMiresXoga difunde a idea de que o límite está en como miramos a estes deportistas, e non nos propios deportistas, e que hai que romper esa barreira
-
A Responsabilidade Social Corporativa da CRTVG estrea lema en 2019: #AcciónsG, baixo o que se levarán a cabo outras tres campañas
A CRTVG desenvolve a súa primeira campaña RSC do ano, coa que se salienta o potencial integrador do deporte para unir as persoas e romper prexuízos. #NonMiresXoga quere poñer o foco nesa capacidade do deporte para mellorar a vida das persoas e contribuír a visibilizar en Galicia o 3º, 4º, 8º, 10º, 11º e 17º Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da ONU, en que se alude á discapacidade desde diferentes puntos de vista: a saúde, a educación, o emprego, a redución das desigualdades, a inclusividade das cidades e a accesibilidade do transporte etc.
#NonMiresXoga difunde a idea de que o límite está en como miramos a estes deportistas, e non nos propios deportistas, e que hai que romper esa barreira. A campaña consta dun anuncio de televisión, no que colaboraron entidades sociais e deportivas galegas, e dun espazo na web que recolle información e ligazóns de interese das asociacións cooperantes e tamén as historias dos deportistas participantes na campaña para que sirvan de exemplo e inspiración. Ademais, os diferentes programas da televisión e da radio galegas e as redes sociais emitirán contidos relacionados coa integración social das persoas con discapacidade a través do deporte e do ocio compartido.
A primeira acción foi un partido de fútbol pola integración das persoas con discapacidade, o pasado Día Internacional do Deporte para o Desenvolvemento e a Paz, no que xugaron misturados traballadores/as da Corporación e xogadores/as do Real Club Deportivo de LaLiga Genuine -formado por un xogadores con discapacidade intelectual-, na cidade deportiva de Abegondo. O encontro rematou en empate, 2-2, e foi posible grazas á colaboración do Real Club Deportivo da Coruña e dos profesionais da CRTVG que se sumaron a esta iniciativa solidaria. Ademais, o espazo da Radio Galega ‘Convivir deportivo’ narrou en directo pola web da Corporación o partido e as historias de integración dos xogadores e das súas familias, nun programa que se emitirá nos vindeiros días na Radio Galega.
A Responsabilidade Social Corporativa da CRTVG estrea lema en 2019: #AcciónsG, baixo o que se levarán a cabo catro campañas. «Chamámoslles AcciónsG porque os traballadores e traballadoras dos medios públicos galegos actuamos, movémonos con estas campañas para intentar devolverlle á sociedade unha pequena parte do que nos dá», salienta o director de Proxección Social da Corporación, Xaime Arias. #NonMiresXoga é a primeira das #AccionsG da Corporación, coas que os medios públicos galegos queren pasar á acción no eido social e contribuír a visibilizar en Galicia os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da ONU.