- A celebración oficial trasládase ao 31 de outubro en Ferrol, pero este domingo haberá homenaxes dixitais a Carvalho Calero
- A Xunta, Agal ou a Real Academia Galega preparan actividades para honrar a figura do escritor ferrolán o 17 de maio
O pasado mes de abril, facíase oficial a cancelación dos actos oficiais do Día das Letras Galegas por causa do Coronavirus. A celebración trasladábase ao 31 de outubro, o día despois do aniversario do nacemento do escritor ferrolán Ricardo Carvalho Calero, ao que se lle dedicaba este ano un dos días máis significativos de Galicia. Un feito insólito en 57 anos. Pero o 17 de maio terá programación para non perder a data. Será, esta vez, a través de internet.
A Real Academia Galega (RAG), que anunciaba o pasado mes de xuño que este 2020 sería dedicado á figura de Carvalho Calero, expón varias propostas para todas as idades. A web Primavera das letras ofrece contidos para os máis pequenos da casa. Materiais descargables e interactivos para dar a coñecer en profundidade ao escritor ferrolán. Un perfil que tamén debuxou a través de testemuños en formato de entrevista.
Desde febreiro, o Portal da lingua galega tamén dispón de material para descargar e propostas para as redes sociais, como “Ilustrando a Carvalho Calero”, impulsado polo Centro de Estudos Galegos de Madrid que consiste en ilustrar un texto do autor e compartilo nas redes para difundir a súa obra.
Unha web dedicada ó autor
Dentro dos contidos dixitais, Agal e a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta crearon a web Carvalho Calero 2020 na que se dá cumprida información da obra e biografía do autor, ademais de recursos dixitais como unidades didácticas para o ensino, fotografías que ilustran a súa vida ou referencias bibliográficas conmemorativas. Tamén se ofrece a imaxe coa que a administración autonómica e a entidade ilustran a celebración, que é de libre descarga.
ALÉN DO ATLÁNTICO
Este formato dixital das Letras Galegas traspasa non só as fronteiras de Galicia, senón que alcanza o outro lado do Atlántico. Unha viaxe transoceánica a través de internet que pon en marcha o Festival Kerouac. Desde a diáspora en Nova York, o festival internacional de poesía organiza un encontro dixital a través de Zoom que será retransmitido polas canles de Facebook e Youtube do propio festival. Presentado por Marcos de la Fuente, desde Nova York participan Isabel Pérez Dobarro, María Medín Doce, Manuel Maio e Yago Vázquez; e desde Galicia, Francisco Fernández Naval, Fátima Delgado, Malvares Moscoso e Francisco Castro.
Sen atravesar o océano, varios centros de estudos galegos (CEG) que a Xunta ten en universidades de varias universidades dos 3 continentes, programan videocofenrecias, como sucede en Zúric ou Deusto e exposicións virtuais acerca da súa vida e obra no Algarve e Barcelona.
PROPOSTAS DIFERENTES
A marca de leite Feiraco puxo en marcha un concurso literario e outro de manualidades. Por unha banda, o IX Certame de Relatos Breves Feiraco, inspirados na frase “Á sombra daquel carballo centenario…”; e, por outro, I Certame Infantil de Artes Plásticas Feiraco 2020, destinado a nenos e nenas de entre 3 e 12 anos.
No audiovisual, a canle de Youtube Vieiros de Esperanza, ofrece o documental do mesmo título en aberto. Estreado en 2014, percorre a traxectoria persoal e profesional de Carvalho Calero.
Tamén hai música neste Día das Letras Galegas. Neste caso, da man do cantautor quirogués afincado en Vigo Samuel Soto Macía, que desde o confinamento compuxo un himno que presenta ao homenaxeado este ano. Faino cunha música alegre, con toques portugueses e instrumentos como a mandolina. Unha canción con máis de 6.000 reproducións en Facebook.