Casa Grande de Xanceda súmase esta fin de semana ao festival ferrolán as Meninas de Canido cun Paso de Vaca. Ademáis a granxa ecolóxica activará tamén un mural estilo granxeiro e contará cun stand propio con actividades.
O Paso de Vaca é unha acción que pretende visibilizar a importancia do rural, por iso estará ubicado na zona do barrio que dá á ladeira da Malata, unha das zonas rurais de Ferrol.
Tamén busca fomentar o consumo de proximidade, porque como din desde Casa Grande de Xanceda «en Galicia hai case un millón de vacas e case ningunha cebra! Na comunidade hai outros seis pasos de vaca. Sitúanse en Santiago, Arzúa, Mazaricos, Santa Comba, A Baña e Mesía. O primeiro paso estivo instalado, de xeito temporal, na Coruña.
Na carpa habilitada por Casa Grande de Xanceda, habrá agasallos, degustacións e actividades, como un circuíto con tractores para nenos, pintura facial ou elaboración dun mural colectivo. Na Rúa Atocha, a granxa ecolóxica está a elaborar a súa propia versión das Meninas, ao máis puro estilo granxeiro, cun mural elaborado pola artista ordense Nana.