A Academia Galega do Audiovisual (AGA) entregará ao coruñés Nani García o XXI Premio de Honra Fernando Rey. Un galardón que será entregado na gala dos Premios Mestre Mateo, que se celebrará o vindeiro sábado 11 de marzo en Ourense.
Nani García é un produtor, compositor e músico cunha fértil carreira como intérprete de jazz. Pasou a súa etapa formativa en Suecia a finais dos anos 70. De regreso a Galicia formou parte dos grupos Jazz Parabara e Filloa Express. En 1982 fundou Clunia xunto con Baldo Martínez e Fernando Llorca, banda coa que obtería numerosos recoñecementos. Entre eles o primeiro premio no Festival Internacional de Jazz de San Sebastián en 1987, xunto á cantante portuguesa Maria Joao.
Paralelamente á súa traxectoria como intérprete de jazz, Nani García, desenvolve unha frutífera carreira como compositor. É autor de bandas sonoras, obras de concerto sinfónicas e de cámara, e ata unha ópera. Conta con máis de 100 publicacións e arredor de 700 composicións repartidas en todos os ámbitos da música contemporánea. Entre as súas composicións máis salientables están as bandas sonoras de longametraxes como «Una mujer fantástica (2016)», «Valentina (2021)», «Engurras» (2011) ou «De profundis» (2006). Tamén series como Guante Blanco (2008); Patricia Marcos Desaparecida (2007); As leis de Celavella (2003) ou Pratos combinados (1995).